Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Salustiano Mato dálle un tirón de orellas a Feijóo pola "fuga de cerebros"

Salustiano Mato dálle un tirón de orellas a Feijóo pola "fuga de cerebros"

Correo-e Imprimir PDF
RetratoSalustianoMato

O reitor da Universidade de Vigo denuncia a "fuga de cerebros" que sofren as universidades galegas pola taxa de reposición e pídelle máis implicación á Xunta. Feijóo responde co anuncio de que investirá catro millóns de euros.
Catro millóns de euros. Ese é o diñeiro que quer investir a Xunta para redefinir o modelo dos servizos xerais de apoio á investigación e pasar dun sistema "secundario e disperso" a un "integral e profesionalizado".

Foi o gran anuncio que fixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante o inicio do curso universitario na Universidade de Vigo. Un anuncio que chegou logo do tirón de orellas do reitor desta universidade , Salustiano Mato, que lle pediu que se corrixa a "anomalía" salarial nas universidades galegas tras dous anos de descensos.
Precisamente, Mato queixouse da "fuga de cerebros" pola taxa de reposición, cuxos efectos son "letais". "A administración autonómica sumarase a esa viaxe a pesar de que iso poida interromper a autonomía das institucións académicas", contestoulle Feijóo.
Mato fixo fincapé en que as universidades galegas levan "dous anos de vantaxe en descenso salarial" respecto ao resto do Estado, e considerou que "o máis preocupante" é que se lles recortou máis aos máis produtivos".
"Non desexamos cualificar este asunto como un reto senón como unha anomalía e nos orzamentos de 2015 deberíase buscar unha solución", proclamou, a quen acompañaron na mesa que presidiu o acto de apertura do curso, ademais de Feijóo, os reitores de Santiago, Juan Viaño, e A Coruña, Xosé Lois Armesto.
Ademais, cualificou de "letal" o efecto da taxa de reposición de persoal por producir "unha fuga de cerebros sistemática" e impedir atraer talento, o que nos leva a perder o noso futuro", fixo votos por que o novo sistema universitario galego 2016-2020 sexa "máis ambicioso" en resultados e en recursos.

A sociedade "entende" o investimento en educación
Pola súa banda, Feijóo presumiu de ter en Galicia as universidades "máis accesibles de España" e tamén de que, a pesares dos recortes, a sociedade "entende" o investimento que a administración fai nelas, "tres veces menor que o volume total de gasto farmacéutico".

Neste sentido, apostou pola estabilidade financeira no novo Plan de financiamento 2016-2020 e lembrou que con tal propósito constituíuse un grupo de traballo para profundar na repartición en función dos resultados.
Outro reto do novo curso académico que o reitor vigués enumerou foi o desenvolvemento da Lei galega de universidades, que ofrece "un marco de oportunidades" para "dar un salto cualitativo", como a mellora da complementariedade, competitividade e internacionalización mediante a especialización dos campus.

Artido do medio colaborador Galicia Confidencial