O secretario xeral do PSOE de Baiona critica que o goberno municipal recortou o servizo de recollida de lixos nas parroquias. Arturo Pereira sinala que unha vintena de veciños do barrio de Fontes, en Bahíña, levan ao redor de dúas semanas acumulando lixo nos colectores sen que o servizo municipal pase a recollela.
O xulgado de Instrución número 7 de Vigo mantén abertas as dilixencias polos disturbios ocasionados durante o pleno do día 2 de xuño de 2006 no que o anterior goberno de Nigrán intentou aprobar o Plan Xeral. Unha trintena de veciños que foron identificados continúan á espera dunha decisión xudicial que podería obrigarlles a asumir responsabilidades polas desfeitas ocasionadas na Casa Consistorial durante aquela xornada.
O Concello de Nigrán recibiu un requirimento do Consello de Contas de Galicia no que manifesta non ter constancia de recibir a conta xeral correspondente ao exercicio pasado, dándolle un prazo de quince días para cumprir con esta obrigación. Ante este requirimento, o equipo de goberno decidiu enviar a conta, a pesar de que non estea aprobada polo pleno.
Comerciantes da praza de abastos de Baiona impediron onte que operarios da escola obradoiro pechasen o acceso que utilizan para a carga e descarga de mercancías. As obras consistían en dotar dunha entrada adecuada ao soto que se está reformando na actualidade para crear aulas de formación e sedes de asociacións.
Un edificio de vivendas en pleno centro de Panxón é a obra que deixa a medio facer o promotor miñorano Carlos Rocha Portela tras o seu ingreso provisional en prisión, acusado dun presunto delito de branqueo de diñeiro.Os traballos de construción do inmoble situado na coñecida «curva de Donato» quedaron paralizados fai dúas semanas, pouco logo da detención do coñecido empresario. A estrutura de formigón que foi levantada ameaza agora con perpetuarse na paisaxe do porto de Panxón.