Oia celebra este sábado 6 de maio a segunda edición do festival “Rock do Mosteiro” coa actuación de oito grupos de rock. Os Skarmento de Lalín (punk rock), os Kogito de Vigo (reagge-rock-ska), Leo i Arremecaghona de Vigo (kañautor), Bailando con Lokos tamén de Vigo (punk), Dr. Poliester e os Porkirias de Sanxenxo (rock da ria) no que ademais actuarán grupos punk chegados da Guarda (Kapatxo e Frakaso Skolar) e o grupo local, Fiasco.
O festival botará a andar no Eirado do Mosteiro de Santa María de Oia, o vindeiro sábado 6 de maio, a partir das 19 horas. A entrada é de balde e, por iso, espérase que se acheguen a Oia un grande número de seguidores dos oito grupos que comparten escenario.
O obxectivo deste evento é introducir a Oia no circuíto de festivais que teñen lugar todos os anos polas comarcas do Baixo Miño, O Val Miñor e Vigo. Tanto a Asociación Cultural Correlos, como a organización Galiza Nova de Oia queren que o concello sexa coñecido polas actividades culturais e lúdicas que nel se celebran. Ambas as organizacións son as encargadas de xestionar este II festival “Rock do Mosteiro”.
O lugar: un mosteiro cisterciense único en Europa
O “Rock do Mosteiro” vaise celebrar nunha ubicación privilexiada: á beira dun Monumento Histórico Artístico e dun dos cenobios máis particulares de toda Europa. Construído desde 1132, baixo o mandado do rei da Galiza Afonso VII, o Mosteiro de Oia é o único cisterciense que se conserva á beira do mar. Os monxes que o habitaron durante séculos destacaron pola súa férrea defensa ante os continuos intentos de invasións e saqueos desde o mar.
MAIS INFO NA WEB http://rockdomosteiro.oiaweb.com