
Como xa é tradicional o Instituto de Estudos Miñoranos organiza todos os veráns, este é o quinto ano consecutivo, unha serie de visitas-guiadas ou xeiras a distintos lugares de especial interese histórico, artístico, natural e paisaxístico do Val Miñor.
Trátase de pequenos percorridos a realizar polas tardes dirixidos por especialistas no tema da visita. O programa está pechado (ver documento adxunto) e conta coa colaboración das concellerías de cultura de Gondomar.
A fraga da Oliveira primeira das xeiras do 2006 do Instituto de Estudos Miñoranos
O próximo martes 18 de xullo terá lugar a primeira das visitas-guiadas ou xeiras organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos. A visita será á Fraga de Oliveira unha das paraxes naturais mellor conservados e de máis interese das moitas coas que conta o Val Miñor.

O percorrido, dacabalo dos concellos de Gondomar e Baiona, farase polas beiras do río da Groba, entre os lugares de A Granxa e Belesar en Baiona, e Aburlido e Oliveira en Gondomar. Deste último recibe o nome. Só cando estamos dentro da fraga somos capaces de percibir a beleza e variedade de especies vexetais e animais que contén. Podemos pasar pola beira e non decatarnos dos tesouros que agocha, entre o lusco-fusco do solpor ou no orballo dunha alborada. O tempo ten outro ritmo neste lugar.
A visita comezará ás 17:30 horas (cinco e media da tarde) e o punto de encontro será no Mercado de Sabarís. Dende alí dirixirémonos ata o lugar de inicio da visita. A duración da marcha será de entre tres e catro horas, a ritmo cómodo, aínda así recoméndase roupa e calzado axeitado: pantalón longo, botas ou calzado para camiñar e camisa ou camiseta de manga longa e levar auga para beber.
A visita estará guiada polos membros do Instituto de Estudos Miñoranos, Xilberte Manso e Xosé Ramón García Martínez.
Imaxes de Pedro Telmo da xeira a Fraga de Oliveira 2005