Esqueceches o contrasinal? Aínda non tes unha conta? Crea unha
  • Narrow screen resolution
  • Wide screen resolution
  • Auto width resolution
  • Increase font size
  • Decrease font size
  • Default font size
  • default color
  • red color
  • green color

Valminor.info - O Portal do Val Miñor

07 10/08
Portada arrow Canais arrow Deportes arrow Lagarta Lagarta trae "Carambola" a Gondomar este sabado
Lagarta Lagarta trae "Carambola" a Gondomar este sabado PDF Imprimir Correo-e
(0 votos)
 
o 02-11-2006

Visitas : 590


Lagarta Lagarta: CarambolaLogo de arrasar nos María Casares do ano pasado con Fobias, lagarta lagarta volve á carga con Carambola (cóncavo convexo). Un texto de José Luis Prieto, a dirección de Lino Braxe e un elenco cheo de caras coñecidas e outras máis novas nunha montaxe que poderemos ver no Auditorio Lois Tobío o sábado 4 de novembro.

Reparto: Belén Constenla, Rosa Álvarez, Rebeca Montero, Ernesto Chao, Elina Luaces e Anabell Gago.
Unha noite escura de treboada. Unha casa apartada. Un motor que non arranca. Un teléfono que non funciona. E unha novela.
Seis persoas que nun xogo inocente deben representar un papel.
Unha novelista feliz e algo retorcida.
Unha criada sumisa que podería comportarse doutro xeito.
Unha mente libre apaixonada da morte.
Un asesor de imaxe disposto a facer de forense.
Dúas mulleres de mundo, pragmáticas pero incautas.
Para que a vida sexa crible é preciso crear un mundo ficticio, onde nada é o que parece porque todos podemos construír a nosa propia realidade. Logo de arrasar nos María Casares do ano pasado con Fobias, lagarta lagarta volve á carga con Carambola (cóncavo convexo). Un texto de José Luis Prieto, a dirección de Lino Braxe e un elenco cheo de caras coñecidas e outras máis novas nunha montaxe

Lagarta lagarta foi creada polos actores Ernesto Chao e Rosa Álvarez. A súa primeira montaxe, Cartas de amor,
de A.R. Gourney, estaba dirixida por Avelino González e nela interviñan Mabel Rivera e Xosé M. Olveira "Pico." Despois chegou Fobias, tamén de de José Luis Prieto,
con Rosa Álvarez, Belén Constenla, Flor Maceiras e Iolanda Muíños. O director era tamén Lino Braxe, e a montaxe acadou nada mesmo que nove candidaturas aos Premios María Casares de Teatro 2005, dos que quedou con tres: Mellor Espectáculo Teatral do Ano en Galicia, Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista. O autor José Luis Prieto tamén recibiu o Premio Max 2005 ó mellor texto teatral en galego. xa lles tiña preparado este texto dende setembro: comezaron a ensaiar, e agora teñen unhas trinta funcións programadas até xuño. Hora e media de sobresaltos van ter ao público pegado á cadeira.

Nesta nova historia, o misterio volve ser a clave: unha noite escura de treboada. Unha casa apartada. Un motor que non arrinca. Un teléfono que non funciona. E unha novela.
Seis persoas que nun xogo inocente deben representar un papel...

Unha novelista feliz e algo retorcida
Nin máis nin menos que Elina Luaces, unha das fundadoras do teatro galego actual. A ferrolá mudouse á Coruña e comezou a traballar en compañías como a Escola Dramática, Luís Seoane, Ancora... Logo entrou no Centro Dramático Galego e protagonizou unha das primeiras series da TVG, A familia Pita. Ultimamente participa na serie Libro de familia. Traballou con Xabier Villaverde na película Continental e moitas cousas máis. Ten fama de ter un sentido do humor irónico, sarcástico e ás veces un pouco ferinte, faceta esta que cultiva tanto na vida real como nos escenarios.

Unha criada sumisa que podería comportarse doutro xeito
"O meu personaxe é unha criada de acenos británicos que nunca se altera por nada. Submisa, entregada, servicial, eficiente… Os acontecementos terminarán por descolocala." Así enfronta Anabell Gago o seu papel como Elisa. A actriz máis nova da compañía vén de Carril, e ten xa unha longa andaina ás súas costas: Teatro do Aquí, Eme 2 (foi candidata ao María Casares á mellor protagonista por Tío Vania), Factoría, Berrobambán... A polifacética actriz encarna a unha punki vingadora no cabaré colectivo Vendetta, á Sofía de Rías Baixas ou a personaxes de Chehov co mesmo talento. Para ela, o texto estaba cheo de sorpresas e o proceso de ensaio foi moi doado no que se acbou convertendo nun grupo de amigos: "Para estar dirixindo dous espectáculos ao mesmo tempo, sorprende a paciencia e a tranquilidade que lle transmitiu Lino a todo o equipo. Creo que esas son condicións básicas para que o actor poida abrirse e achegar toda a súa creatividade." Salienta a calidade na produción e a liña estética de lagarta lagarta: elegancia, disciplina no calendario de actuacións, ensaio intenso sobre o espazo escénico da estrea…

Unha mente libre apaixoada da morte
Rosa Álvarez, un dos rostros míticos e vivos do teatro galego, fai de Clara, "unha mística". Para Álvarez, o texto de Prieto "é máis maduro e máis complicado de traballar desde a dirección. En Fobias había varios xogos e aquí só hai un moi complicado... Trátase de saber cómo podemos enganar na vida, o xogo de identidades. Quen somos, se somos así de verdade ou somos outros".

Foi unha das fundadoras da Mostra do Teatro Galego de Ribadavia e dende aquela xa non se puido desenganchar dos escenarios. Tamén cofundou as compañías Artello, Teatro do Malbarete e lagarta lagarta. É unha das actrices máis premiadas deste país, aínda que non lle gusta que se diga... Tamén ten a consideración de "actriz dramática", máis as súas dotes para a comedia están máis que demostradas. Traballa habitualmente en teatro, cine e televisión: ultimamente fixo un filme para televisión sobre o chapapote e tamén interviu na serie Libro de familia, entre outras, ademais de abordar a valleinclaniana Romance de lobos no Teatro Español de Madrid.

Tamén interviu en filmes coma Esperanza, Días de voda, O trasto, A vida que te espera, Trece badaladas ou Heroína
Un asesor de imaxe disposto a facer de forense
O único elemento masculino do elenco, Ernesto "Miro Pereira" Chao, é un dos clásicos do noso teatro: Artello, CDG, Teatro do Noroeste, lagarta lagarta... E televisión. Coñecido polo seu papel en Pratos combinados, el tamén reivindica que fixo de Ramón Sampedro en Condenado a vivir, o que lle valeu o Chano Piñeiro no 2002, de Rei Lear (polo que foi finalista nos Premios Compostela de Teatro no 1991), de Galileo Galilei (dous anos despois, e desta vez si que o gañou), de Morte Xusticieira... É ante todo un actor de teatro cunha carreira ininterrompida desde 1969, e mesmo dirixiu o Centro Dramático Galego durante dúas tempadas (1986-87). O actor de Ribadavia ten moitas outras faces, ademais da do camareiro toupón e pouco ilustrado do Bar Suízo, e desta vez volve demostralo sobre as táboas.

Dúas mulleres de mundo, pragmáticas pero incautas
Esas dúas mulleres de mundo son Rebeca Montero, ourensá que veu de Caritel para entrar no CDG e encarnar nada menos que a Antígona, a rebeldía personificada na muller creada por Sófocles, baixo a dirección de Guillermo Heras. Pasou por outras compañías como Teatro do Noroeste, pero seguro que o público a recorda como a moza do xuíz que facía Luís Tosar nas primeiras etapas de Mareas Vivas. Tamén se atreveu coa gran pantalla, como demostran Nena, Blanca Madison e León e Olvido. Privounos da súa presenza nas táboas durente un tempiño para ter dous fillos (un despois do outro) pero agora volve con máis forza e talento ca nunca. O seu personaxe é "unha viaxeira un punto hippie e bohemia, que tras sufrir unha avaría no coche chega a unha casa no medio da noite para chamar por teléfono. A partir de aí… empézanlle a ocorrer estrañas historias…" Gozou moito do preceso de creación de Ruth "Lino dálle moita liberdade ao actor. Deixa que todo o mundo achegue as súas cousas, e ao traballarmos o elenco unido nunha mesma liña, a creatividade é máis produtiva."

A outra parte deste dúo, Alicia, está encarnada por Belén Constenla, tamén ourensá e tamén curtida en Caritel. Ademais do seu paso polo Centro Dramático Galego, popularizouse coa súa participación en series televisivas como a que emite esta tempada a TVG, A vida por diante, na que é unha das cinco mulleres protagonistas. Antes xa encarnara á carmiña de Rías Baixas, e participara no Luar, en Pratos Combinados, nos filmes Días de voda e Sei quen es... E nas táboas, traballou tamén co Teatro do Noroeste e a compañía vasca Ur, baixo a dirección de Helena Pimenta. "Son unha muller aventureira e resolta, excéntrica, que chega xunto cunha amiga a unha casa por mor dunha avaría no coche, e tópanse cunha xente moi rara. É unha comedia de intriga, así que non podo dicir moito máis para non revelar a trama, un xogo escénico moi entretido e divertido. " Así viviu Belén o seu personaxe. Para ela, que repite coa compañía despois de Fobias, Carambola diferénciase en "máis xogo teatral, con moita complicidade entre nós sobre o escenario. Nótase que o pasamos ben, e iso o público percíbeo"

... baixo a mesma batuta có Hamlet
O actor, poeta, guionista e locutor mugardés comezou a principios dos oitenta no mundo da literatura, acadando diferentes premios de poesía. A comezos dos 90 realiza prosa teatral e interviu como actor en diferentes obras. Tamén se ten dedicado á crítica e á investigación literaria, ademais de ser un dos fundadores da revista de pensamento "Luzes de Galiza" a mediados dos 90, ao tempo que dirixe a Fonoteca de Galicia. Ten realizado guións para programas da canle autonómica e series de fición. Desde o ano 2000 participou na rodaxe de diferentes curtas e longametraxes en Galicia, e interpretou o papel de Andrés na teleserie "Rías Baixas". Hiperactivo, coma sempre, Lino Braxe simultaneou esta montaxe coa produción máis arriscada da historia do teatro galego: un Hamlet que supuxo o maior investimento por parte dunha enrida privada, que está acadando un merecido éxito pola xeografía galega. Non o leva nada mal... Asegura que é dos que funcionan mellor a presión: "estou derreado e moi contento, todo a un tempo".



Compartir esta noticia:
Digg!Del.icio.us!Google!Technorati!Yahoo!Chuzar esta noticia! title=

   

  Folla RSS comentarios
 

 


Nome
Correo electrónico
Título  
 
Comentarios
   Notificarme dos seguintes comentarios
   
   

Ningún comentario engadido



mXcomment 1.0.7 © 2007-2008 - visualclinic.fr
License Creative Commons - Some rights reserved
< Ant.   Seg. >