
Seguindo co Certame de Teatro Roberto Vidal Bolaño organizado pola Concellería de Cultura do concello de Gondomar , este sábado actuarán o grupo de teatro The Pinga Teatro coa súa obra Urbe 2.0.
Dirixida por Pedro Rentería, Urbe 02 narra a historia dun catalán, Peret Bru, un portugués, Susinho de Morais e un galego O Tapas que por riba das súas crenzas e dos seus prexuízos manteñen a amizade ao tempo que reflexionan con humor sobre os tres piares que moven o mundo: a saúde, os cartos e o amor.
Miguel Condal e Suso Pando escribiron o guión da obra e, xunto con Oscar Fernández, dan vida aos tres personaxes principais e a toda unha sorte de secundarios que van desde o doutor Roig e Ruidós, o doutor Conejo, os enfermeiros, o visitador, o sacerdote, a vítima da guerra e o xeneral.
A Compañía The Pinga Teatro fundouse no ano 2000. Historias breves, Ligazón de Valle Inclán, Urbe de Miquel Condal e Suso Pando e Kasting dos mesmos autores son algúns dos seus montaxes. A Compañía fixo tamén traballos específicos para a Feira do viño de Amandi nos anos 2004 e 2005 creando Alegoría do viño e Invocación ao viño de Amandi.
En decembro 2005, The Pinga estreou a súa primeira montaxe infantil O Rei dos Mares da que tamén son autores Miquel Condal e Suso Pando. En abril do mesmo ano estrearon unha nova versión de Urbe, baixo o título de Urbe 02 versión 2.0". Esta segunda parte da comedia, que conta cunha nova escenografía e con máis gags, e a que poderemos ver a noite do sábado 18 de novembro en Gondomar
A cita é ás 22:30h no Auditorio Lois Tobio de Gondomar.
O custe entrada 3 euros