| Escrito por A Voz de Galicia.,
o 16-06-2007
|
Visitas : 495 |
A intención do alcalde de Nigrán de aprobar definitivamente o proxecto de urbanización de Porto do Molle nos últimos días do seu mandato xerou preocupación nas filas do PSOE.
O futuro alcalde, Efrén Juanes, reuniuse co delegado de Zona Franca, López Peña , para dialogar sobre a importancia das alegacións que se presentaron a este proxecto. O representante de Zona Franca comprometeuse a que nun prazo de 15 días quedarán resoltas as reclamacións que foron expostas pola asociación de afectados.
Pola súa banda, Efrén Juanes, ordenará revisar o proxecto cando asuma o bastón de mando, co fin de que as obras de urbanización levan a cabo con todas as garantías para que o proxecto sexa viable e non se teñan que pagar os erros dunha decisión que pode resultar precipitada.
Os afectados sinalaron que proxecto carece de coherencia por ser a suma de moitas actuacións que se contradin, así como que non se adecúa ás normas subisidiarias nin ao plan de sectorización. Por outra banda, tamén critican que non se respectan as franxas de protección do río Muiños nin dos seus afluentes. Unha das cuestións que máis preocupan no deseño do parque empresarial é que as modificacións das escorrentías naturais agraven o risco de inundacións no municipio.
Compromiso
O delegado de Zona Franca comprometeuse a que non levará a cabo ningunha actuación sen antes ter en conta estas alegacións. López Peña asegurou a Efrén Juanes que o futuro polígono empresarial de Porto do Molle será modélico en toda Galicia e que todos os cabos quedarán ben atados antes do inicio das obras.
O plan parcial de Porto do Molle posúe unha superficie dun millón de metros cadrados, nos que está prevista a instalación de industrias do sector terciario.
|
|
|
 |
|
|
|
|
|