| o 08-08-2007
|
Visitas : 739 |
Continúan as Xeiras 2007 que organiza o IEM coa 5ª Rota do Siñor Afranio, coa que rematamos as dedicadas a percorrer os camiños e lugares polos que en 1936 Antón Alonso Ríos andou para “risparse das gadoupas da morte”. Pola serra da Groba, polo Monte Tetón, por Couso, Morgadáns e Vincios estivo agachado o deputado popular ata transformarse no pobre de pedir Siñor Afranio do Amaral.
Vindeiro xoves 9 de agosto, ás 17:30 sairemos da Casa do Concello de Gondomar, desde onde nos dirixiremos en coches ata Regodagua. Por razóns de comodidade e organizacións faremos o camiño no sentido contratio ao que levou o deputado. Iniciarelo en Zamáns, visitando o muíño de maquía. Subimos así pola pista que sobe pola aba do Galiñeiro Norte ata chegar á área de recreo ao pé do Galiñeiro, onde poderemos botar un grolo de refresco antes de rematar a ascensión.
Seguindo o camiño pasaremos a carón de dúas mámoas e a nosa dereita un fermoso mirador sobre o Valmiñor cunha grande riqueza arqueolóxica e etnográfica: cabalos, curros, petróglifos, muiños naviculares, covas, cotos e penedías cheos de pegadas de historia e fermosura xeolóxica en evolución constante e en perigo polas malas “artes” duns homes pouco coidadosos disa grande riqueza que neste lugar a natureza e os nosos devanceiros nos deron. En Auga da Laxe temos o petróglifo co conxunto de armas da chamada Pedra das Procesións (14 x 5 m) con máis de dúas ducias de armas entre as que atopamos puñais, espadas, alabardas e escutiformes. Toca agora baixar dos 450 m aos 230 m. Baixamos ata bordear o pantano, e despois facemos unha desviación para ver a fermosa cova da Moura chea de lendas e historia coa súa cavidade e os muiños naviculares na súa entrada. Desde aquí seguimos xa pola pista que vai ao campo de fútbol, e rematamos a nosa rota de hoxe en Regodagua, en Chaín,
Observacións a ter en conta
Distancia a percorrer: 6 Km., con dificultade: media/alta. Máis ou menos 2 Km. de ascensión por camiños de pedra, pasando de 303 m de altitude no pantano en Chaín, a 450 m en Auga da Laxe
|
|
|