
Esteiro da Foz do Miñor
Despois das rotas adicadas á memoria do deputado Antón Alonso Ríos ( Siñor Afranio do Amaral) e máis das Xeiras Nocturnas, centradas na visión de importantes paneis de petroglifos continúan as Xeiras 2007 que organiza o IEM coa 6 Xeira de 2007.
O xoves, 23 de agosto, Polas ribeiras do río Muíños.
O vindeiro xoves 23 de agosto, ás 17:30 sairemos da Casa do Concello de Nigrán ata o conxunto formado polo río Muiños e seu afluente o Táboas, que conforman un corredor natural que permite percorrer os diferentes hábitats presentes no concello de Nigrán, desde o litoral de praia América ao amplo e fértil val central (hoxe en desaparición pola construción do Polígono Industrial de Porto do Molle) ata súas fontes nas serras que pechan o Val Miñor polo norte: os Outerios e o alto de Canaval.
A xeira transcorre nas parroquias de Camos e Chandebrito, coincidindo parcialmente co Sendeiro dos Matos. O río abandona as súas fontes e se encaixa nun fondo val cun bosque de galería (en ocasións invadido polos eucaliptos e as acacias) que fornece a humidade e umbría necesaria para a presenza dos fentos entre os que destacan o fento real (Osmunda regalis), o fento macho (Dryopteris affinis), o Blechum (Blechnum spicant), a lingua de cervo (Phyllitis scolopendrium) e a cabriña (Davallia canariensis), este último típico de ambientes máis tropicais como as illas Canarias, pero que resiste na fachada atlántica ibérica como signo dun tempo pasado máis cálido e húmido que o actual.
No tramo final da xeira, o río abandona seu tramo superior e comeza seu percorrido no amplo e fertil val interior camiño da Levada, a Touza e a Tarela, denantes de chegar á explanación do futuro Parque industrial de Porto do Molle camiño de paia América.