| o 24-08-2007
|
Visitas : 987 |
 Mofa e Befa - Sempre ao Lonxe O dúo cómico formado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, aos que desta vez se lles une Piti Sanz, volve ao Val Miñor, en concreto a Nigrán con Cultura para dar e tomar, un espectáculo co que xa levan tempo percorrendo os teatros e salas galegas e con cheos espectaculares en Santiago.
Despois da súa actuación no certame de teatro de Gondomar coa obra Sempre ao Lonxe, Mofa e Befa volve ao Val Miñor precedidos dunha gran expectación despois do bo sabor de boca da actuación gondomareña. Actuación no aparcadoiro de Panxón. ás 22h- Entrada libre. Sinopse Dous políticos exemplares enfróntanse a un reto cotián: inaugurar unhas xornadas culturais nun país no que xa hai Cultura para dar e tomar. E todos estamos convidados.
Para comezarmos gostosamente entramos á cociña. As receitas da “Nouvelle cuisine cacofónica” son creacións feitas a lume manso por Alfonso Kkmo e logo recreadas no exquisito padal de Mofa e Befa. Cando estamos a agardar polo seguinte prato aparece Gustavo Adolfo Befo e sen que nos dea tempo a reaxir sorpréndenos cun texto de corpo acedo e ataque carnoso froito dunha fermentación maloláctica. E chega por fin o prato forte: A conferencia maxistral na que se explican as Técnicas de inducción á colaboración coas forzas da orde. Salpementa o espectáculo o directo do singular músico Pitín Muñoz. Unha vez máis Mofa e Befa adéntranse no corazón do Teatro Perralleiro.
O Perralleirismo Unha panstasma percorre o mundo occidental, é a pantasma do perralleirismo. Unha estética que moitos estudiosos quixeron relacionar co teatro pobre, co teatro tosco, e con outras formas da modestia escénica, nun valdío intento de dignificar ao perralleirismo. Pero non nos fagamos ilusións: o perralleirismo é unha flor (aproximadamente) que medra no esterco do cutre e o desbotable. É a vindicación definitiva de que o teatro é a máis bastarda das belas artes. Algúns optimistas (ou malintencionados) din que o teatro é o crisol onde se suman harmonicamente todas as artes, pero minten. Ou ignoran. O teatro, en realidade componse dos detritus da arte.
As escenografías conséguense nos faiados. O vestiario procede das roupas viúvas dos trapeiros. E os textos naturalmente extráense da busca pouco atenta das papeleiras. Sería obvio dicir que tamén os artistas e o público son material de desfeita procedente do teatro culto.
Todos estes achádegos azarosos fermentan xuntos para dar lugar a un espectáculo impredicible no comezo do proceso.
O artista perralleiro submérxese nesta montaña de materiais e recíclaos para convertelos en útiles ao servizo dos seus inconfesables designios. Como é sabido, aproveitar algo para un obxecto que non foi concibido (a perrallada) dá máis traballo que fabricalo completamente novo. Así, o perralleirismo que empeza o seu proceso intentando economizar acaba sendo un derroche escénico. FICHA ARTíSTICA - Mofa.- Evaristo Calvo
- Befa.- Víctor Mosqueira
- Pitín Muñoz.- Piti Sanz
- Textos. Alfonso Kkmo, Carlos Santiago, Victor Mosqueira, Evaristo Calvo.
- Dirección. Mofa e Befa
|
|
|
 |
|
|
|
|
|