| SOS a Groba. Carta dun cidadán galego |
|
|
|
| Escrito por Xilberte Manso de la Torre | |
| Venres, 31 de Agosto do 2007 | |
|
O que queda a vista dos nosos ollos é o resultado do traballo que fai a natureza ao longo de millons de anos. Dende hai uns 4 ou 5 mil anos,o home comezou a mudar a fisonomía da paisaxe facendo coas súas mans obras que modificaban aquelo que se vía e, ata aquil intre, só a forza da natureza moldeaba.
Comezou un tempo de construcción e deconstrucción que foi evoluindo ao mesmo tempo que o propio ser que o producía. Apareceu a Cultura como unha obra feita aos poucos polas mans do home e o seu devir “creador” (máis ben modificador e ordeador, pois todo está aí dende os principios evoluíndo e transfromandose). A descuberta dun animal que se vai facendo home e dominando a outras especies que conviven nun mesmo ecosistema, vai destruindo e creando, e facendo que cada vez as demandas culturais (todo o feito polo man creadora e modificadora do xa home) sexan máis. Non é lugar para explicar todo o que aconteceu nestes catro mil ultimos anos nesta terra que habitamos, neste recuncho que aboia nas augas dos océanos mudando día a día, aínda que pareza que non nos queremos dar conta. A cultura, agora imos a chamarlle “ técnica”, fainos ter memoria( auditiva, visual e tamén “inconsciente”) nun plano real inmediato e persistente: arte, literatura, medios de comunicación, ensino, relixión… que nos amosa a cotío o real e imaxinado: presente, pasado e futuro. Analizamos o que aconteceu e co “coñecemento científico” somos quen de interpretar o pasado. Comentamos e vivímolo presente inmediato do que sucede en calquera lugar do mundo simultaneamente. Facemos proxeccións e prediccións do que vai a suceder en base aos coñecementos que temos. Pois ben: aínda así seguimos a trabucarnos e repetir accións e omisións que o saber e o coñecemento nos din que non son boas para a humanidade. Non abonda con repetilo día a día. Seguimos nun camiño que non ten un final feliz, e apesares diso, deixamonos ir como si non nons interesara o que vai pasar, como crendo que a nós non nos vai tocar. Hai quen pensa por nós. Hai quen actúa por nós. Hai quen só pensa na praga do secúlo XX que aínda non deixou de medrar no XXI ( non esclusiva destes doús séculos): o beneficio e/ou ganancia. Mentres alguén considere que sae beneficiado dalgún xeito, non importa como, seguese a consruir/deconstruir para acadar os obxectivos previstos. Para iso, aprendemos a facer o que eu chamaría modificacións interesadas de opinións en base a balanza de esforzo/ beneficio. A teoría da comodidade: “ todo beneficio aproveitado que implique pouco esforzo é bo”. Todo isto necesita de axentes productores de beneficio,de comodidade. Activos e pasivos, directos e indirectos. Modificadores de conducta, pensamento, opinión… estrategas do por que.
O PARQUE EÓLICO ALVARIÑO I DA SERRA DA GROBA Despois de moitos anos loitando por que a xente tomara conciencia de que este planeta noso non pode soportar o ritmo que lle estamos a impor, en canto a verquidos aos mares e ao ar de materias contaminantes e gases, chegamos a un punto no que nos atopamos cunha aparente contradicción –dende o punto de vista dos defensores do capital-: a necesidade de pórlle por qués ao desenrolo da enerxía eólica no noso país. As cousas haínas que analizar polo miudo e ver os pros e os contras de cada unha das actuazións. No caso que nos ocupa, a implantación do parque eolico Alvariño I en terras da Serra de a Groba. Dous millons de metros cadrados da Serra da Groba van a ser afectados para construir un parque eólico que nunha primeira fase levará 21 aeroxeradores.Calquera que vexa a información dirá : “ Non é para tanto. Só son 21 e, asemade, dispersos nun área moi grande”. Pois ben, ista é a miña opinión ao respecto e a explicación da miña negativa a súa implantación.
Por todo o exposto: Eu, cidadán libre, sen maís argumentos e saberes que os que me da a miña sensibilidade e a miña memoria arcaica (isa que temos dentro do cerebro e que non somos conscientes dela máis que en casos de apuro e de extrema gravidade), patrimonio herdado dos meus ancestros, que non sei de leis, que nunca fun a un avogado, que coñezo a terra que piso por que a respecto, amo e coido,
E POLO TANTO SOLICITO: NON SE CONSTRUA O PARQUE EÓLICO ALVARIÑO I NA SERRA DA GROBA, e se se considera, se me permita argumentar verbalmente todo o que eiqui non poiden escribir, como afectado directo e defensor de min mesmo e dos que non teñen voz e si dereito. A saber: os cabalos do monte, os paxaros, morcegos, insectos, as vacas, ovellas e cabras, as raposas e os coellos e lebres. As herbas, árbores, fentos e brions. Os cotos, outeiros, penedas, regueiros, regatos e ríos. As tomadas, camiños, valados, coutadas, foxos do lobo, presas e castelos, muiños e peares, corredoiras, lousas e carreiros. Os petroglifos, as mámoas, as cerradiñas, os castros e a terra sacra que os ollos ven, e as levadas, rairos e mananciais, as augas que abrollan sen pai nen nai e paren fillos que son regueiros, despois regatos, logo ríos. O ceo limpo, o hourizonte e ao lonxe o mar, e os milleiros de nomes que a terra ten para cada un dos recantos, e que me foron dados como tesouro a preservar que non quero permitir que se estrague, alomenos mentres me queden folgos para falar alí onde sexa preciso e ante quen corresponda.
Na Serra de A Groba a 27 días de agosto de 2007 |
| < Ant. | Seg. > |
|---|