Esqueceches o contrasinal? Aínda non tes unha conta? Crea unha
  • Narrow screen resolution
  • Wide screen resolution
  • Auto width resolution
  • Increase font size
  • Decrease font size
  • Default font size
  • default color
  • red color
  • green color

Valminor.info - O Portal do Val Miñor

07 10/08
Portada arrow Axenda arrow Constitúese unha asociación en defensa da serra da Groba
Constitúese unha asociación en defensa da serra da Groba PDF Imprimir Correo-e
(2 votos)
 

Escrito por Redaccion, o 14-09-2007

Visitas : 750


Cabalos salvaxes na Groba
Cabalos salvaxes na Groba
Hoxe presentouse ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa celebrada en Baiona, a “Asociación de Defensa Medioambiental SOS A Serra da Groba”.

Os promotores son un grupo de veciños e veciñas do Val Miñor e arredores preocupados pola enorme ameaza que para este privilexiado espazo significa o proxecto de creación do parque eólico Albariño 1, que ocuparía e danaría gravemente dous millóns de m2 da Serra da Groba, afectando aos Concellos de Baiona, Gondomar, Santa María de Oia e Tomiño.

Evitar esta desfeita é o primeiro obxectivo desta nova asociación, que nace coa vontade de defender, potenciar e divulgar a enorme importancia desta contorna que representa un espazo natural e cultural dun valor incalculable. 

Comunicado do colectivo SOS A Serra da Groba

 

A SERRA DA GROBA

A Groba constitúe o hábitat de 2500 cabalos salvaxes da máis pura raza galega, feito único en Galicia e na Península pola cantidade e calidade das bestas, dando lugar a unha tradición de fondísima raigame: os curros de Torroña, Valga, Mougás e San Cibrán. Posúe Hábitats Naturais clasificados como Prioritarios e de Interese Comunitario pola UE e a propia lexislación española.  Acolle aves sedentarias e aves migratorias estivais e invernais, así como diferentes especies de animais escasos, todos eles a protexer, segundo diversas Directivas Europeas e Catálogos de Fauna Ameazada, tal e como veremos máis adiante.

 

 VALORES PATRIMONIAIS

A pegada humana na zona pode rastrearse máis alá dos 250.000 anos. A existencia de abondosas testemuñas de útiles líticos (os chamados bifaces) de idade paleolítica así o confirman. Estes restos fálannos de grupos de cazadores-recolectores que percorrían as penichairas da serra na procura de alimentos vexetais e tamén de caza. 

Xa en tempos máis recentes, fai uns 9.000 anos, atopamos evidencias doutros grupos humanos cunha economía distinta a dos cazadores-recolectores anteriores. Estamos no Mesolítico e, obrigado polas condicións medioambientais, o ser humano ten que mudar as súas estratexias alimenticias e facelas máis diversificadas. Deste momento atopamos ao longo de toda a Serra da Groba importantes concentración de materiais arqueolóxicos (entre os que destacan os chamados “Picos Asturienses”), que se viran afectados, por máis destruídos pola construción do parque eólico. 

No Neolítico (fai uns 5.000 anos) as xentes aprenderon a producir alimentos e a domesticar animais. Habitaban en cabanas de pallabarro en poboados pouco estables, pero por unha descoñecida razón erixiron as primeiras mostras de arquitectura monumental do país: as mámoas. Estes enterramentos estaban compostos por unha cámara funeraria feita con grandes laxes chantadas (os coñecidos dolmens) que eran recubertos por un túmulo de terra e pedras, que servía para agochar e asegurar a construción interior. Ao longo da toda a Serra do Galiñeiro atopamos abondosos exemplos destas construcións, pero desgraciadamente unha boa parte de eles viranse afectados gravemente pola edificación das instalacións do parque eólico.

Se agora falabamos das primeiras construcións monumentais galegas, tamén temos que falar das primeiras mostras de arte. Estamos falando dunhas manifestacións artísticas con máis de 4000 anos, os chamados petroglifos, os cales aparecen a ducias por toda esta fermosa paraxe. Desgraciadamente un importante número deles verase seriamente afectado (destruídos) polo parque eólico “Albariño I”. Estes gravados son por lei BIC (Bens de Interese Cultural), ou o que é o mesmo reciben a figura legal de protección máis importante que pode recibir calquera ben cultural.

 

A Laxe Cruzada: o labirinto máis grande de Europa

Coma exemplo da importancia da arte rupestre desta zona resaltar o petroglifo de A Laxe Cruzada. Este consta de 110 cruces gravadas e, o que é máis importante, o labirinto máis grande de Europa, que alcanza os 1,10 m de diámetro. Curiosamente este petroglifo, tan coñecido a nivel científico, non aparece recollido no informe de Impacto Arqueolóxico presentado pola empresa que solicita o permiso para a realización do proxecto. Aínda para máis inri dous dos aeroxeradores afectan directamente a este extraordinarios gravado. Cada un que pense o que queira.

Así mesmo na zona atópase un dos poucos “foxos de lobos” que se coñecen en toda Galicia (o redor dos 30). Estas trampas para lobos remítennos a uns tempos non tan lonxanos, onde o aproveitamento que a sociedade galega facía do monte era vital para a súa subsistencia. Estas construcións son testemuña viva da loita contra o máis “fero” dos habitantes do ecosistema galego. A pesares da importancia deste elemento etnográfico e do seu destaque na paisaxe, tanto físico como pola toponimia (o lugar coñécese como O Alto do Foxo Pedriño, O Foxo Pedriño e O Rego do Foxo Pedriño), este punto tampouco aparece recollido no informe de impacto arqueolóxico. Curiosamente, e como no caso anterior, no lugar onde se atopa están plantexados dous aeroxeradores máis e un vial, que darían boa conta desta importante manifestación cultural do país.

 

O VALOR PAISAXÍSTICO E O PATRIMONIO INTANXIBLE

A imaxe da Serra, erguéndose dende o mar ata o Alto da Gabiñeira, e afundíndose na Boca da Groba, levámola impresa todos os galegos, miñoranos ou non, que nacemos entre O Morrazo e o Miño. Non se trata dunha percepción estética, como trivializan as Avaliacións de Impacto Ambiental. Trátase dun fondo sentimento de identificación filoxenética (a atracción da natureza da que procedemos) e cultural (a atracción da paisaxe que sentimos nosa). A Serra é nosa como sinal de identidade. Un sinal de identidade do Val Miñor e de Galicia.

Ademais, a Serra conta coa mellor recollida de toponimia de Galicia (9.900 termos só no municipio de Oia), mostra da pegada antrópica nun monte que servía de sustento a numerosas explotacións agrícolas e gandeiras. E a toponimia está vencellada á terra, ás pedras, ás augas, ós camiños. E garda a súa memoria. Por iso as veces conduce a un xacemento arqueolóxico. Pero está xunguida aos lugares que nombra, e leva a súa sorte. Con eles, vive. Sen eles, desaparece.

 

 

VALORES AMBIENTAIS E VULNERACIÓNS DA LEGALIDADE

 As obras previstas vulnerarían varias leis españolas e dúas Directivas europeas.

Entre as primeiras está o Real Decreto 1193/1998, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre. As actuacións previstas danarían gravemente tres hábitats considerados de protección prioritaria no Anexo 1º do citado decreto.

Vulneraría tamén o previsto  na Lei de Montes 43/2003 (Artigo 50), polo que se prohibe o cambio de uso forestal dos montes queimados nun prazo inferior a 30 anos. Polo menos 17 dos 21 muíños instalaríanse na zona afectada polos incendios do ano pasado.

O espacio afectado polo Parque está cualificado como solo rústico de protección de espacios naturais e integrado dentro do espacio 25 (Serra do Argallo, onde está incluída a serra da Groba) das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento Provinciais da Consellería de Política Territorial, e polas súas características bioxeográficas e a súa importancia ecolóxica  sería viable a súa integración na Rede Natura no futuro. 

Este parque de 21 aeroxeradores ocuparía permanentemente unha superficie equivalente ao 37% de Vigo, a cidade máis grande de Galicia, afectaría permanentemente a unha superficie equivalente ao 70% da mesma e tería competencia sobre un espazo igual a 1,9 veces esa cidade. Esta desmesurada extensión e o mesmo nome do proxecto,  Albariño I, dan  idea de que estamos ante unha “primeira fase” dunha instalación maior. O fraccionamento de proxectos da mesma natureza realizados no mesmo espazo físico é algo que tamén vulnera a legalidade vixente.

 

Directivas europeas

Do mesmo modo, o proxecto incumpre o estipulado en dúas Directivas europeas.

A súa realización afectaría gravemente a trece especies de aves silvestres protexidas, todas elas citadas no Anexo 1º da Directiva  79/409/CE, que di no punto 1 do seu artigo número 4: “As especies mencionadas no Anexo 1º serán obxecto de medidas de conservación especiais en canto ó seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reproducción na súa área de distribución”.

Tamén serían destruídos, parcial ou totalmente, catro hábitats considerados de Interese Comunitario segundo o Anexo I daDirectiva 92/43/CEE.

Afectaría a tres especies de morcegos (especialmente vulnerables pola presencia de aeroxeradores) incluídas no Anexo 4º, que enumera “as especies vexetais e animais que requiren unha protección estricta”. Outras sete especies de animais, incluídas no mesmo Anexo, veríanse tamén ameazadas.

 




Compartir esta noticia:
Digg!Del.icio.us!Google!Technorati!Yahoo!Chuzar esta noticia! title=

   

  Folla RSS comentarios
 

 


Nome
Correo electrónico
Título  
 
Comentarios
   Notificarme dos seguintes comentarios
   
   

Ningún comentario engadido



mXcomment 1.0.7 © 2007-2008 - visualclinic.fr
License Creative Commons - Some rights reserved
< Ant.   Seg. >