Comunicado remitido por Salvemos Monteferro.
Este domingo 4 de novembro terá lugar en Corrubedo a manifestación nacional contra o plan piscícola, un plan que quere encher a nosa costa de piscifactorías.
Salvemos Monteferro apoiou desde o primeiro momento esta mobilización, que logo tamén recibiu o respaldo da Rede Litoral Vivo, e por iso animamos a todas e todos a participar.
Para iso temos organizada a viaxe en autobús, con saída desde Bouzas (pavillón de deportes) ás 9:00 da mañá do mesmo domingo para estar de volta á tardiña. O prezo é de 7 euros.
Para reservar a túa praza chama aos teléfonos 699974036 ou 647965193
MARCHA NACIONAL CONTRA O PLAN PISCÍCOLA
4 DE NOVEMBRO, 12:00 NO PORTO DE CORRUBEDO
En reunión da Rede Litoral Vivo o pasado 20 de outono en Compostela decidiuse o apoio á marcha nacional contra o plan acuícola que se vai celebrar o 4 de novembro en Corrubedo.
Este plan, xa mal chamado acuícola, porque soamente se refire ao subsector de acuicultura en terra, é unha peza máis da nefasta política da Xunta ante o sector pesqueiro. Tenta expropiar, para beneficio dunhas poucas grandes empresas multinacionais, máis de 3 millóns de metros cadrados en zonas de altísimo valor ecolóxico, co fin de apoiar un xeito de explotación dos recursos altamente discutible, que, dende logo, deixa a produción en mans de uns poucos, xera perigosos e ilegais verquidos, e supón un altísimo impacto ambiental. Agora pretenden criar peixes que desmerecen a calidade dos productos do mar galego, amoreados, cheos de antibióticos e alimentados con fariñas de peixes capturados de xeito industrial e afectando á biodiversidade e os recursos de países empobrecidos.
Xa no anteproxecto de lei de pesca, actualmente en tramitación, se observa a intención de privatizar os recursos mariños, abrindo a porta á privatización do marisqueo e afastando ao sector de calquera tipo de decisión sobre si mesmo, pretendendo deixar todo o poder nas mans da Consellería de Pesca.
Este Plan, sumado ao Plan Director de Portos Deportivos e ao salvaxe proceso urbanizador da costa e do interior ao que estamos a asistir, sen as debidas garantías de saneamento ou protección do medio, pode producir o total colapso da actividade pesqueira galega, da que dependen máis de 20.000 empregos directos, cambiando e proletarizando a estrutura social da pesca e o marisqueo artesanais e tradicionais de Galicia.
Esta marcha ten que ser unha chamada moi seria de atención ao actual goberno galego, que está realizando unha política ambiental de puro escaparate, cando a realidade é que xamais o ritmo de destrución dos ecosistemas foi tan alto, nin a privatización dos recursos naturais tan descarada, nin o silencio da clase política no seu conxunto máis enxordecedor
Por todo isto os grupos compoñentes da Rede Litoral Vivo fan un chamamento á asistencia a Corrubedo o próximo día 4 para mostrar dun xeito firme a oposición do sector e de todo o pobo galego ante este plan e á liña política que o ampara.