
A asociación pola defensa medioambiental da Serra da Groba reuniuse o sábado 3 de novembro cos veciños e veciñas de Barrantes no pavillón de deportes. A comunidade de montes desta parroquia tomiñesa opúxose á instalación dos aeroxeradores dende que se fixo público o proxecto de Eurovento presentando varias alegacións.
Entre outras cousas, os comuneiros alegaron que o Proxecto resultaba incompleto, impreciso e que non recollía con exactitude as servidumes de paso, nin as afectacións, nin tampouco o impacto paisaxístico e patrimonial que se produciría.
Os asistentes seguiron con moito interese a presentación do presidente da asociación, Xosé Lois Vilar Pedreira, quen, co apoio dunha presentación fotográfica, subliñou o grave impacto ambiental que suporía a construción das infrastruturas necesarias á instalación do parque eólico.
Destacando a riqueza do patrimonio cultural co que conta Barrantes, SOS A Serra da Groba informou das numerosas axudas autonómicas e europeas ás que podería optar esta comunidade de montes incluída no PRODER do Baixo Miño.
O aproveitamento e a musealización do patrimonio coma fonte dun turismo desestacionalizado son unha das alternativas ao parque eólico que ofrece a asociación pola defensa medioambiental da Serra da Groba a todas as comunidades afectadas.
MENOS MAL QUE NOS QUEDA...
Escrito por: AXOUXERE (Invitado) o 05-11-2007