A Directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou un DVD con ferramentas informáticas de Software Libre, gratuítas e en galego dirixidas a satisfacer as necesidades informáticas da PEME galega.

Cos programas contidos neste DVD calquera empresa disporá de aplicacións para manexar a súa contabilidade, xestionar os seus recursos, levar a súa comunicación interna e externa para, en definitiva, integrarse nun modelo empresarial baseado no coñecemento e as TIC cun custo cero e na nosa lingua.
Farase chegar este DVD á PEME e ás asociacións empresariais, cámaras de comercio e outros organismos intermedios co fin de dar a coñecer as vantaxes do Software Libre empresarial. Helena Veiguela, Directora Xeral da DXPISI, presentou ao empresariado galego que implanta ou desenvolve solucións empresariais para a PEME este DVD que pretende servir como instrumento de divulgación entre o tecido industrial do país co fin de salvar o primeiro obstáculo co que se enfronta este tipo de tecnoloxía: o descoñecemento.
A tradución e selección das aplicacións do DVD foi coordinada por Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre. O encontro serviu para que a industria TIC galega participe no deseño das políticas de promoción do Software Libre para a xestión empresarial e achegase ideas para próximas versións do DVD.
A xornada conta coa participación de AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e da Escola Técnica Superior de Informática de Ourense que conta cun grupo de traballo sobre Software Libre e PEME. Este tipo de programas de xestión empresarial supoñen unha enorme oportunidade de negocio para as empresas tecnolóxicas galegas de desenvolver unha industria informática baseada nos servizos e nos produtos informáticos propios. Mancomun.org seguirá coordinando a tradución e difusión de Software Libre que satisfaga a demanda tecnolóxica da PEME. Fonte: mancomun.org