O Instituto de Estudos Miñoranos, en colaboración co Instituto Español de Oceanografía, organiza do 5 ao 10 de Novembro un taller de divulgación da actividade científica no eido mariño centrado no fitoplancto tóxico, organismos responsables das popularmente chamadas “mareas vermellas” de indubidable importancia para a sociedade galega.
Este Taller terá lugar nas instalacións do Colexio de Panxón, Nigrán, e enmarcase dentro das actividades da “Semana da Ciencia” auspiciada pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Industria e Enerxía da Xunta de Galicia. Nel é posible observar e reproducir as investigacións que se realizan sobre este tipo de organismos mariños, así como informarse das causas e consecuencias das mareas tóxicas. A actividade dirixida aos alumnos e alumnas dos Institutos de Ensinanza Secundaria do Val Miñor terá lugar polas mañás. Sobre uns 150 estudiantes participarán nas mesmas divididos en grupos de 25 e dirixidos por persoal especializado.
A mostra estará aberta ao público en xeral entre as cinco e as oito da tarde, dende o martes ata o venres. O sábado día 10 pola mañá, entre as 11 e a 1, haberá unha visita especial guiada polos científicos que participaron na preparación do taller.
Como actividade complementaria organizase un “Café científico”, un faladoiro no que se conta coa presencia de científicos dos principais Centros de Investigación de Galicia (don Santiago Fraga e dona Isabel Bravo do Instituto Español de Oceanografía, e
don Miguel Lastres do Instituto Galego de Formación en Acuicultura). O obxectivo do “Café” é unha conversa “informal” sobre o labor que se desempeña nos Centros de
Investigación, a súa importancia e influencia no desenvolvemento social e económico en xeral e no Val Miñor en particular, así como o intercambio de opinións e experiencias dos e das participantes sobre o medio mariño e a súa indubidable relación coa economía e a sociedade miñorana.
Os cafés científicos serán dous. O primeiro, o xoves oito de novembro dirixido ás organizacións empresariais do Val Miñor e o segundo, o venres, 9 de novembro, orientado aos representantes políticos do Val Miñor.
Ambos cafés darán comezo ás cinco da tarde no Pazo da Escola de Mañufe, Gondomar e a súa asistencia é previa invitación.