Como dixemos temos unha base económica fundamentada exclusivamente nos servicios (nomeadamente relacionados co turismo), na construcción de vivendas e nun cativeiro sector industrial que, sen embargo, xera moito máis emprego que a construción, sector no que predomina a empresa moi pequena igual que nos servizos. O feito é que empresas que empreguen entre 10 e 50 asalariados hai no Val Miñor 118 e que den traballo a máis de 50 traballadores só hai seis.
Empresas por actividade
(IGE, 2003)
| Industria | Construción | Servizos |
Baiona | 27 | 96 | 509 |
Gondomar | 103 | 155 | 522 |
Nigrán | 74 | 181 | 824 |
Total | 204 | 432 | 1855 |
Ocupados por sectores
(INE, 2001)
| Agricultura | Pesca | Industria | Construción | Servizos |
Baiona | 63 | 624 | 799 | 620 | 2.762 |
Gondomar | 145 | 112 | 1.329 | 953 | 2.566 |
Nigrán | 119 | 338 | 1.544 | 986 | 4.006 |
Total | 327 | 1.074 | 3.672 | 2.559 | 9.334 |
O sector turístico ten no Val Miñor uns trazos que o limitan en exceso ao estar centrado no turismo estacional de praia e que mesmo ameazan seriamente o seu futuro ao ser interpretado en clave de enriquecemento rápido tanto por algúns promotores de vivendas, como por certos inversores que pretenden obter pingües rendas por alugueiro como por un número importante de hostaleiros. Un clima que non garante o sol, os prezos elevados e a escasa calidade dos servizos fan aumentar o turismo de día e diminuír o turismo familiar. Compre mudar a mentalidade de facer caixa rápido e entender o sector como unha actividade permanente e non masificada. Así que é urxente controlar os prezos, mellorar a calidade –para cando algún ciclo de Formación Profesional vinculado á hostalería- e, nomeadamente romper a excesiva estacionalidade do sector, desenvolvendo o turismo de carácter cultural e ecolóxico. A este fin son necesarias inversións pero tamén unha alianza estratéxica con sector labrego e mariñeiro. Non se pode pretender fomentar o turismo e desestacionalizalo cando nalgúns restaurantes venden boi francés conxelado como se fose da ría, enganado ao cliente e reducindo os ingresos dos mariñeiros. Nin se poden conseguir estes obxectivos cando o lixo e o desleixo invaden a paisaxe. Paisaxe, cultura, gastronomía son os pés sobre os que construír un proxecto turístico para o Val Miñor. Un pé máis, pero non o único é o turismo da breve temporada de praia.
O sector industrial pode exemplificar mellor que ningún a necesidade dun centro administrativo unitario que dirixa o Val. Na Pasaxe de Vincios naceu un máis que importante polígono industrial, reforzado na súa posición estratéxica co acceso á autopista. Pois ben ese polígono non ten os mínimos servizos necesarios, carece de planeamento e ten graves problemas para o seu desenvolvemento que mesmo levaron a algúns dos empresarios a pensar en abandonar e procurar solo industrial noutro lugar. Mentres este polígono industrial real non se desenvolve, en Nigrán montáse outro que esnaquiza un importante zona húmida e que con posterioridade hai que reconverter para permitir instalacións hoteleiras e de ocio nunha clara perversión dos seus fins. A alternativa non é tres concellos tres polígonos industriais.
Esa outra mentalidade necesaria pasa tamén por considerar os dous sectores tradicionais da economía miñorá, o labrego e o mariñeiro, non como residuais senón como centrais para un desenvolvemento económico sostido. Non se trata dunha nostálxica e caduca volta atrás, nin de sobrevalorar as súas potencialidades, senón de coñecer e valorar a posición fulcral que consideramos deberían ocupar no Val Miñor do futuro.