O valor do noso patrimonio
O ano que pasou foi para nós o da candidatura da Cultura Inmaterial do sur de Galicia e norte de Portugal a patrimonio da humanidade, desta volta non recoñecido pola Unesco. Proxecto no que traballou a comunidade escolar do Val Miñor. Pero a pesar de non acadar o obxectivo derradeiro que todos agardabamos, agora somos máis conscientes de que o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, existe como tamén existe o patrimonio ecolóxico e paisaxístico, abonda botar unha ollada cara as Illas Estelas coa reserva dos fondos submarinos, anexa ó Parque das Illas Atlánticas, coa prolongación natural na península de Monteferro, paraxe polémica que levou ós veciños do Val Miñor á formación da plataforma Salvemos Monteferro para evitar a desfeita deste monte e costa con viais excesivos (anchura, beirarrúas, farois, rotondas)
Outro grupo de asociacións (A Groba, IEM ...) conseguiu que un barco traído do norte de Europa non traballara como restaurante na Foz, humidal da Rede Natura 2000.
Hai anos que circula a petición popular de declarar Parque Natural a Serra do Galiñeiro unido ao do Monte Aloia, que pecha o Val polo leste superando os 700 m. de altura inzado de singularidades xeolóxicas, biolóxicas, artísticas e históricas, sobre as que volveremos, e afectado gravemente este verán polo lume. Preto do teito dos 700 m. chega tamén a Groba onde pastan, trepan e crían todo o ano máis de 2.000 cabalos de raza galega, a máis xenuína e cuantiosa representación no noso país que dan lugar aos curros de San Cibrán, A Valga, Mougás e Torroña, estes tres últimos en terras do concello de Oia pero compartindo o hábitat e a propiedade coas xentes das nosas aldeas miñorás. Non podemos esquecer o curro de Peitieiros e o desaparecido do Galiñeiro. Non existe un estudo antropolóxico profundo dos nosos curros, riquísima representación do patrimonio do sur de Galicia, traballo que ocupa aos propietarios das bestas durante todo o ano e que chega ó cénit algúns domingos da primavera e do verán xuntando, rapando, marcando, vendendo, desinsectando os animais que no mesmo día á tarde volven á liberdade do monte das aldeas dos homes das besta.
Os tres concellos manexaron máis de 100 millóns de euros nos seus orzamentos cunha pobrísima dedicación ao riquísimo eido patrimonial.
O Val Miñor debería ter unha imaxe identificativa de conxunto, un logotipo, polo que fose recoñecido, o arco visigótico de Panxón, unha figura dun petroglifo, o contorno dos Galiñeiros... Temos a fortuna de contar con restos arqueolóxicos e arquitectónicos de tódalas épocas; e senón lembremos que a Fundación Barrié vai sufragar unha escavación na Chan do Cereixo, dirixida pola arqueóloga Rosa Villar Quinteiro e co visto e prace dos propietarios do monte, os comuneiros de Santa Baia de Donas e a colaboración do concello de Gondomar. A singularidade desta chan baséase no achado, hai 27 anos por Xaime Garrido, de máis de 200 pezas líticas de 200.000 anos de antigüidade cando este humidal se usou como cazadeiro. Pero na Chan do Cereixo hai pegadas do neolítico, calcolítico, bronce e do período romano. É un biótopo que se estende entre Santa Baia de Donas (Gondomar) e Pinzás (Tomiño) e mentres os comuneiros miñoranos optaron pola vía cultural de estudo e valorización dun importantísimo espazo prehistórico e ecolóxico, a maioría dos comuneiros de Pinzás, pero non todos, tentan “vender” 800.000 m2 do monte en man común, que é inalienable e indivisible, para facer 500 casas e conceder por 30 anos un millón de m2 para construír dous campos de golf, por riba da mellor chan paleolítica que coñecemos no país. A última palabra tena a Xunta de Galicia.
As mulleres e homes de hai entre cinco e seis mil anos deixaron un par de ducias de mámoas, enterramentos de lousas e terra que veñen a constituír os primeiros monumentos que aínda permanecen na paisaxe, destaca a Chan das Moutas en Prado (Morgadáns) cunha necrópole, antano de nove mámoas das que hoxe fican sete. Hai que citar a aparición doutro enterramento no lugar da peaxe da autoestrada na Areíña, onde apareceu un dos mellores enxovais funerarios galegos.
Hai polo menos 4.000 anos, na Idade do Bronce, o home deixou no noso granito as mellores imaxes gravadas do mundo: cervos, armas, homes, cabalos, figuras abstractas, ... o que chamamos petroglifos. Pois no Val Miñor e nas terras extremantes de Tebra, temos tres dos mellores conxuntos de Europa coa maior combinación de circos concéntricos do mundo (3 m. de diámetro) en Tebra. O mellor panel de armas de Europa en Auga da Laxe (Vincios) e un marabilloso panel vertical con máis de 60 cabalos no Outeiro dos Lameiros (Santa Cristina). Este universo artístico reclama unha valorización do entorno, xa hai proxectos para os gravados de Chandebrito e do Monte Tetón e unha iniciativa da comunidade de montes de Santa Cristina para o conxunto dos Campos - Outeiro dos Lameiros. De todos os xeitos sería preciso un centro director que centrase estudos, conferencias e visitas, de posible emprazamento en Baiona pola proximidade ós gravados e a importancia da vila. Este tipo de centros son normais en Foz Côa (Portugal), Val Camonica (Italia), Vallée des Merveilles (Francia), Böhusland (Suecia)... e pronto en Campo Lameiro (Pontevedra).