| Axenda 21 Local , Utopia? |
|
|
|
| Escrito por Juan José Hermida Lago | |
| Venres, 08 de Febreiro do 2008 | |
|
A qué responde a chegada da Axenda 21 Local ós concellos do Val Miñor? Nos últimos anos a sociedade do Val Miñor experimentou unha transformación no seu xeito de entender non só o entorno onde debe desenvolverse, senon tamén onde o deben facer os seus fillos. Este cambio conceptual prodúcese despois de décadas onde o progreso se viña producindo a costa de depredar os recursos (especialmente a depredación do territorio). O enloquecido e irracional progreso das décadas pasadas rachou ademáis co xeito de vida tradicional. Por si fora pouco a xestión das administracións sumouse a este enloquecido proceso e non foron quen de conducir a sociedade a unha situación máis equilibrada. O cambio producido na sociedade estrellouse co resultado desta ansia depredadora polo que, recentemente, o urbanismo estoupou en conflictos sociais e en escándalos delictivos nalgúns casos e presuntamente delictivos, polo momento, noutros. A situación actual resultante demostra que a administración de por si soa non é capaz de acadar as decisións que a sociedade demanda, amosando estar posiblemente, a merced doutros interes, quizás económico-empresariais. A Axenda 21 Local marca unha estratexia de goberno e funcionamento das administracións públicas radicalmente diferente ó actual. É a verdadeira democracia participativa onde os cidadáns deberán debater e acordar accións de goberno que respondan ó interés xeral, o que supón asumir responsabilidades de acción de goberno. Neste caso o interés xeral mídese polo grao de sostibilidade das propostas, é dicir, que decisións garanten o máis razoable progreso no eido social, económico e medioambinetal, de xeito que exista unha compatibilidade entre acadar unha mellor calidade de vida consumindo os recursos necesarios pero garantindo que as xeracións futuras dispoñan dos seus propios recursos para o seu propio progreso. O proceso de implantación da Axenda 21 Local en España non é unha cuestión anecdótica. Cerca de 200 concellos de todo o país, 10 comarcas, 4 Comunidades Autónomas, 2 consellos insulares, 10 deputacións provinciais e 6 mancomunidades de municipios están desenvolvendo as súas propias Axendas 21 Locais. Os resultados destes procesos son, nalgúns casos, excelentes, como é o caso do concello de Calviá ou o de Sevilla ou Barcelona. O éxito deste xeito de acadar extratexias de desenvolvemento sostibles depende directamente do que se crea neste proceso, sobre todo por parte dos poderes públicos. Os cidadáns teñen non só a oportunidade de decidir o futuro que queren encarar ademáis do entorno que queren deixar de herdanza para os seus fillos e netos, senon tamén a responsabilidade de non equivocarse na toma de decisións.
Juan José Hermida Lago Concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Nigrán |
| < Ant. | Seg. > |
|---|