| Entrega do V Premio Nano Cambeiro de Periodismo |
|
|
|
| Escrito por Redaccion | ||
| Martes, 25 de Marzo do 2008 | ||
O Instituto de Estudos Miñoranos convida a todas e todos os interesados a asistir á entrega do V Premio Nano Cambeiro de Periodismo otorgados a Xosé Reigosa Solleiro e Anxo Reigosa Solleiro, autores da páxina web de Salvemos Monteferro.O acto terá lugar este venres 28 de marzo de 2008 no Pazo da Escola de Mañufe, Gondomar. No acto, conducido pola profesora, concelleira de Nigrán e integrante da Xunta de Goberno do IEM Pilar Barreiro, intervirán o biólogo e concelleiro de Nigrán Xoán Hermida, o escultor Fernando Casás, autor da peza escultórica do premio. A laudatio dos premiados correrá a cargo da profesora e escritora Rexina Vega.
A páxina web www.salvemosmonteferro.org e os seus deseñadores José Reigosa, presidente tamén da asociación Salvemos Monteferro, e Ángel Reigosa reciben o V premio de xornalismo Nano Cambeiro.O premio consiste nunha escultura de Fernando Casás. O Premio de Xornalismo NANO CAMBEIRO foi instituído polo Instituto de Estudos Miñoranos para lembrar ao xornalista e ao amigo. Cumprindo co establecido na convocatoria, faise pública a súa resolución ao cumprirse o sexto aniversario da irreparable perda do xornalista Nano Cambeiro. Nesta Quinta Edición, o premio concedéuselle á web www.salvemosmonteferro.org e aos seus deseñadores José Reigosa, presidente tamén da asociación Salvemos Monteferro, e Ángel Reigosa. Foron múltiples os argumentos que levaron a que a Xunta de Goberno do IEM tomase esta decisión por unanimidade, entre outras, ser a primeira web ecoloxista do Val Miñor con información actualizada en torno a cal se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización de Monteferro. Mais tamén que a web www.salvemosmonteferro.org informou sobre as mobilizacións populares no concello de Nigrán contra o PXOM, contribuíndo ao cambio político no concello, ao tempo que informa e analiza a situación nos outros concellos da comarca e promove o debate sobre o estado dos espazos naturais no Val Miñor, a costa, e a degradación do territorio. A web www.salvemosmonteferro.org consolidouse como lanzadeira para os comunicados dixitais dos movementos ecoloxistas galegos dos últimos anos e foi quen de liderar conxuntamente con outros colectivos iniciativas como GALIZA NON SE VENDE, divulgar o coñecemento e consciencia da problemática e situación ambiental da ría, foi o motivo de artellar o "MAPA DOS 15 PUNTOS NEGROS DA RÍA DE VIGO". Un sistema multimedia que permite analizar a problemática e evolución dos desastre ecolóxicos que afectan a ría máis próxima a Monteferro. E ofrece tamén un álbum de fotos relativas a Monteferro. Creou, hai pouco, a sección “O FARO DE MONTEFERRO”, que se actualiza cada media hora coas noticias máis salientables da ecoloxía e do medio ambiente. A próxima actualización da web incluirá ampla información sobre a constitución da Plataforma SOS SERRA DA GROBA, cunhas espectaculares animacións moi ilustrativas do que sería a Serra da Groba de converterse en parque eólico. A web foi o primeiro altofalante de comunicación da plataforma, recibindo máis de 37.000 visitas en 20 meses. A web www.salvemosmonteferro.org foi quen de difundir a voz de alarma por todo o planeta, recibindo mensaxes e firmas de apoio dende Xapón, Irlanda, Romanía, Cataluña, Euskadi. O asunto Salvemos Monteferro tamén se escoitou nos corredores de Moncloa e do ministerio de Medio Ambiente en Madrid. A súa repercusión fixo que fose protagonista no guión da famosa serie de Tele 5 Cámera Café nun sketch sobre as tarefas encomendadas polos extraterrestres para salvar o planeta. A súa repercusión fixo que fose referenciada en varias ocasións nos informes de Ecoloxistas en Acción (Informe de Banderas Negras) ou no de estado das costas de Greenpeace (informe Destrucción a toda costa).O premio, sen dotación económica, consiste nunha peza de bronce obra do escultor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos FERNANDO CASÁS, que se funde para entregar en cada convocatoria. A obra escultórica será entregada ao premiado nun acto público a realizar nos meses vindeiros. Nas edicións anteriores o premio recaeu en Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández del Riego, David Reinero González e a web www.valminor.info dirixida por Pedro Telmo Rodríguez Castro. A Xunta de Goberno do IEM acordou tamén convocar o Sexto Premio de Xornalismo “Nano Cambeiro” para artigos publicados ao longo do ano 2007, segundo as bases adxuntas. |
||
| < Ant. | Seg. > |
|---|
|
|