Ate o venres 18 de este mes, continúa aberta no IES Auga da Laxe de Gondomar, a exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción" unha exposición que versa sobre as causas e efectos do cambio climático.
No IES Auga da Laxe de Gondomar están expostos os dezanove paneis que forman a mostra O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción, unha exposición itinerante producida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción trata sobre as causas e as consecuencias do Cambio climático. A exposición está estruturada en tres seccións: unha primeira descritiva da estrutura e dinámica da atmosfera, os gases de efecto invernadoiro, o estado de cumprimento do Protocolo de Kyoto. A segunda sección dedícase aos problemas xerados polo quecemento planetario. A terceira recolle as medidas necesarias para reducir a emisión de gases con efecto invernadoiro, a contaminación atmosférica e o consumo enerxético e auga. O Cambio climático abórdase desde o ámbito planetario até a implicación persoal, tanto na creación como a resolución dos problemas derivados do quecemento global.
O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción é un acto máis dos realizados no instituto co gallo da celebración do Ano da Terra. Así, nos últimos meses estiveron abertas unha exposición sobre cetáceos organizada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e outra sobre as causas e consecuencias da desfeita do Prestige, propiedade do CEIDA, co complemento de tres paneis adicionais feitos polos alumnos e alumnas de PIN de 1º de ESO.
Ademais, Xosé Antonio Padín (Instituto de Investigacións Mariñas), Alfredo López e Paula Pérez (CEMMA) e Xesús Souza (Decano da Facultade de Ciencias do Mar) falaron aos alumnos e alumnas do centro do seu traballo a prol do coñecemento e defensa ambiental.
Por outra parte, o Club de lectura da biblioteca do instituto organizou dúas sesións relacionadas con temas ambientais, unha dedicada ás novelas de ficción científica de Ramón Caride Ogando e outra ao libro La Tierra herida de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro.
Finalmente, o instituto incorporouse á rede MeteoEscolas de MeteoGalicia e o Centro de Investigación e Información Ambiental de Galicia (CINAM) e mais ao Proxecto Ríos, unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá promovida pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)