A plataforma ecoloxista A Ría Non se Vende conformada por numerosos colectivos ecoloxistas e veciñais da ría de Vigo, presentará mañá no IES Val Miñor a charla audiovisual "SOS Ría de Vigo".
A presentación correrá a cargo do presidente do Foro Social de Canga invitados polo colectivo miñorán Salvemos Monteferro, integrante da plataforma.
Nos días previos á manifestación, o próximo domingo 25 de maio, a plataforma presenta en varios concellos o proxecto audiovisual "SOS Ría de Vigo", un traballo que fai repaso da deterioración e o delicado estado de saúde do noso maior e principal recurso natural, así como dos proxectos e plans que o ameazan.
Ao longo dunha semana, desde Cangas a Nigrán, pasando por Moaña, Redondela, Navia, Teis, San Miguel de Oia, Bouzas, Alcabre, Coruxo e varios lugares do centro de Vigo, presentaremos este informe seguido dun coloquio aberto á participación dos asistentes.
O acto en NIGRÁN será este Venres 23 de maio ás 20:00 h. no IES Val Miñor, rúa Paradellas 15
"Recheos, urbanismo salvaxe, depuración desastrosamente deficiente, portos deportivos privatizadores, porto caótico e depredador, alteración de correntes e destrución de praias...". Son algunhas das queixas que teñen os dezaseis colectivos veciñais, culturais e ecoloxistas que integran a rede A Ría Non se Vende, integrada na máis ampla plataforma Galiza Non se Vende.
"O porto de Vigo non pode seguir medrando indefinidamente, arruinando a nosa maior fonte de recursos, para convertela nun almacén de vehículos e nun polígono industrial", láianse ao respecto do enfrontamento co peirao vigués, "os balances económicos do Porto sempre dan positivo, porque só contan os cartos gañados, mais nunca cuantifican canto vale o que destrúen".
A manifestación sairá o domingo 25 de maio ás 12h da Praza da Estrela, en Vigo.