O conselleiro, Manuel Vázquez, anunciou hoxe o inicio dos trámites tras reunirse coa asociación de montes comunais da zona. A declaración permitirá que Monteferro conte cunha figura legal de protecció. Esta actuación en materia de conservación da natureza sumase a outras hidráulicas e de calidade ambiental, nas que Medio Ambiente investiu e está a investir máis de 11 millóns de euros.
A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible declarará Monteferro, no concello pontevedrés de Nigrán, como Paisaxe Protexida. O conselleiro, Manuel Vázquez, anunciou hoxe o inicio dos trámites para dotar a este espazo natural desta figura de protección, tras reunirse cos representantes da asociación de montes en man común, que lle trasladaron esta proposta.
Manuel Vázquez manifestou “unha gran satisfacción” por esta iniciativa, que implicará que o Monteferro pase a contar cunha figura legal de protección. Para o conselleiro, esto demostra que hai “unha sensibilidade medio ambiental na poboación”, xa que segundo recordou “tamén os comuneiros de Costa da Vela pediron á consellería contar cunha protección medio ambiental”, o que significa “que cada vez se quere máis ao patrimonio natural e á paisaxe”.
O conselleiro de Medio Ambiente destacou que o trámite para a declaración de Monteferro como paisaxe protexida realizarase “seguindo un itinerario de participación, transparencia e acordos” e anunciou que os técnicos de Conservación da Natureza manterán unha reunión cos comuneiros “para analizar todos os proxectos que se derivan desta declaración”.
Esta actuación en materia de conservación de espazos naturais, súmase a outros proxectos en materia hidráulica e de calidade ambiental que a Consellería de Medio Ambiente executou ou está a executar no municipio de Nigrán, e que hoxe abordaron o conselleiro e o alcalde, Efrén Juanes, nunha reunión que tivo lugar no concello.