U2 ou Plácido Domingo son as alternativas que baralla TVE para substituir a Janet Jackson no programa que gravará a semana próxima no castelo de Soutomaior. Responsábeis do ente público negocian cos axentes do tenor español e do grupo irlandés para que podan estar presentes neste programa que pretende promocionar o Xacobeo.
A cantante norteamericana Janet Jackson foi a única baixa do cartaz apresentado por TVE e a Diputación de Pontevedra fai unhas semanas. desta forma, mantén-se a presenza de Lenny Kravitz, Francisco Relvas, Alanis Morissette, The Corrs e Nek no musical que se gravará o martes 4 de maio no castelo de Soutomaior, propriedade da Diputación Provincial de Pontevedra. Onte comezaron a chegar ao castelo os camións que transportan todo o material necesário para producir o programa musical. Está previsto que se construa un auditorio para que quiñentas persoas podan seguir en directo o proceso de gravación do programa. �ste, será emitido o 25 de xullo, festividade do Apóstol Santiago.
A asistencia á gravación do espazo musical será gratuita, pero mediante convidación de TVE ou da diputación.
Dez programas
O Consórcio do Xacobeo anunciou, fai unhas semanas, a realización de dez programas de televisión co obxectivo de promocionar o ano santo, tanto en España como no resto do mundo.
Todos os cantantes e grupos que participarán neste primeiro espazo realizarán un playback de algun dos seus éxitos, pero só a presenza de algun deles por estas terras xa está a xerar moita expectación.
Lenny Kravitz, a principal atracción confirmada do programa, oferecerá dous concertos en España no mes de xuño, nas cidades de Madrid, o dia 13, e en Barcelona ao dia seguinte.