Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Josué Villar presenta a EU Gondomar : esquerda, autonomía e democracia participativa.

Josué Villar presenta a EU Gondomar : esquerda, autonomía e democracia participativa.

Correo-e Imprimir PDF
Josué Villar candidato a alcalde de Esquerda Unida Gondomar.

Esquerda Unida (EU) xa está instalada na ágora política de Gondomar. Liderada por Josué Villar Ballesteros, de 23 anos e veciño de Mañufe , a sete meses da súa formación leva organizados dous foros de participación cidadá e varias denuncias e propostas na defensa do patrimonio público do Concello. Partidarios da “Democracia Participativa” como instrumento de cambio social, o grupo presentará lista nas próximas eleccións municipais. Nada nunhas xuntanzas de xente nova, EU Gondomar conta con 25 afiliados e a achega de mulleres e homes co experiencia no activismo social e sindical. Coa intención de convocar “á xente de esquerda de Gondomar, sobre todo aos que aínda non se senten representados”, Josué Villar foi proclamado candidato a alcalde de Gondomar o pasado 22 de xaneiro nun acto comarcal de EU no que participou a coordinadora nacional Iolanda Díaz.

Josué Villar relatou a Valminor. info as orixes de EU Gondomar. Di que primeiro estivo a necesidade e logo o partido. Primeiro existiu un grupo de rapaces con inquietudes, afirma. Un grupo de xente que por exemplo quería buscar alternativas ao inexistente transporte público nas parroquias do concello. Ou tamén xestionar unha sorte de abono para aqueles que tiñan que desprazarse diariamente a veciña Baiona. Outros que propoñían mellorar os espazos públicos dedicados aos novos, plantexar actividades culturais que transmitan valores a prol da convivencia e a solidariedade, etc. Non buscaban un instrumento para á confrontación, aclara Villar, se non unha ferramenta democrática e libre, acorde a forma en que quere vivir a mocidade. “EU estatutariamente permite ás agrupacións locais desenvolverse con autonomía, da liberdade e non obriga a pactar alianzas”, afirma. Foi entón que cun grupo de dez rapaces Josué Villar xestionou ante EU formar a agrupación local e no mes de xuño pasado lanzou o partido na Casa da Cultura de Gondomar.

Cando se lle consulta a Villar sobre as características políticas de EU Gondomar o primeiro que afirma é que trátese dun grupo autocrítico. Opina que iso é imprescindible para facer política fora dos carrís tradicionais. O primeiro é prepararse e asumir que o que un partido debe facer é sacar adiante as propostas da xente e non asegurar cargos políticos. Manifesta que nese sentido non valoran a política como un” xogo de bos e malos”. O principal dunha democracia participativa como a que impulsa EU é a capacidade de diálogo con todas a forzas vivas: partidos, asociacións veciñais, plataformas, etc. Conta Villar que cando presentaron unha serie de propostas en materia de transporte ao Concello de Gondomar fixeron unha rolda de conversacións onde incluíron a tódolos partidos.

Cando se lle pide a Josué Villar que especifique os contidos da “Democracia Participativa”, afirma que en concreto en Gondomar é apoiar instancias como Axenda 21, “ rescatar esa institucións da sociedade civil de grande valor participativo para o coñecemento das demandas da poboacións, así como para a formulación de propostas.” Nese sentido, Josué Villar denuncia ao concelleiro Cabaleiro (non adscrito) de haberlla utilizado con fins políticos. Tamén valoriza os foros como o I Foro de transporte en Gondormar e o I Foro “A crise e o emprego”, organizados por EU Gondomar no 2010.

En materia electoral, Villar entende que EU Gondomar será un espazo onde moita xente da bisbarra atopará non só un espazo de representación da filosofía e proxectos de esquerda, se non tamén unha ferramenta para participar e ser protagonista dos cambios. Destacou que nestes últimos meses recibiu o importante apoio de militantes socias de moita experiencia involucrados por exemplo na defensa dos dereitos da muller, ou nos dereitos dos traballadores, como é o caso do representante de CC OO Jorge Carneiro.

Consultado sobor outros partidos tamén de esquerda que traballa na bisbarra, Villar valorou que no caso do BNG trátase dunha “corrente nacionalista con xente de esquerdas e outra non tanto”. Con respecto ao PSOE manifestou cun partido que apoia ao “neoliberalismo non é de esquerda”. Sen embargo o candidato afirmou que a EU Gondomar non lle interesa unha política de confrontación con esas forzas ás que recoñece o seu traballo e respecta. En relación ao PP, manifestou que é o representante dun modo de facer política e o portavoz duns intereses que están nas antípodas do pensamento e acción de EU.