O BNG propón reducir os soldos dos concelleiros de goberno de Gondomar nun 50%.

Imprimir
concello gondomar

Os nacionalistas presentaron nesta xornada por Rexistro Municipal unha moción de acordo na que na súa parte resolutiva solicita ao pleno da corporación municipal acordar "reducir as dedicacións parciais e as dúas exclusivas nun 50% e destinar os cartos desa redución a comedores escolares e programas de emerxencia social." A iniciativa, segundo o BNG, susténtase na actual situación de crise e no convencemento de que o alcalde Fernando Guitián e o seu equipo de goberno "non as merecen pois non están á altura das circunstancias".

 

Para ser aprobada, a moción deberá ser apoiada polo resto da oposición (2 concelleiros do PSOE e 1 da independente IXG), e obter o voto de polo menos un membro da coalición de goberno PP-CDL, con maioría absoluta no pleno (9 votos).

Unha suposta aprobación da medida afectaría ademais do soldo do Alcalde, a dedicación exclusiva de Natalia Salgueiro (CDL), Concelleira de Economía e Facenda, de Traballo e Deportes; e a catro dedicacións parciais do concelleiros populares Jesús Salgueiro (Vías e Obras e Saneamento), Paula Bouzós (Industria, Comercio, Turismo, Educación e Sanidade), Carlos Lameiro (Urbanismo, Patrimonio e Vivenda) e Juan Carlos González (Servizos).

Xustificación do Acordo

A moción, asinada pola concelleira María Luisa Varela Nogueiras (BNG), expón a necesidade da medida no contexto do actual estado de crise económica que vive o país e en especial a dura situación pola que atravesan miles de traballadores, agora no paro, do concello. Salienta que "Nas institucións en xeral, e nos concellos en particular padecemos tamén unha merma de recursos que nos debe levar a priorizar o gasto." Nese senso agrega que " Non se debe aproveitar a ocasión ,como fan os gobernos do PP na Xunta, no Estado, etc para desmantelar os servizos públicos. Todo o contrario, cómpre priorizar os servizos que afectan á calidade de vida das persoas, e nos concellos débense aumentar as partidas relacionadas co Benestar Social co obxecto de corrixir as diferenzas e evitar a marxinación facendo que as persoas de menos recursos poidan ter acceso a unha calidade de vida axeitada aos tempos actuais."

Co respecto ás medidas a adoptar, Varela afirma que "No Concello de Gondomar hai cinco concelleiros/as que están cobrando dedicacións, unha exclusiva de 35.000 euros a catro parciais 21.000 euros, a maiores da do propio Alcalde". Lembra que cando a aprobación das mesmas "o BNG non cuestionou a súa existencia, agardando que os receptores das mesmas fosen merecentes delas", para logo sinalar que oito meses despois do pleno de organización, "quedou claro" que "non as merecen pois non están á altura das circunstancias".

O Grupo Municipal do BNG, a maiores acusa ao actual equipo bipartito de Gondomar de perder subvencións, reducir as bolsas de comedor, estar no grupo dos nove concellos de Galiza que aínda no presentaron as contas do 2010, " o que nos imposibilita para solicitar determinadas subvencións", ademais de omisións no tema do orzamento municipal e a xestión urbanística do concello.