Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O novo derrube dunha árbore na estrada agrava a problemática na contorna ao pazo do Conde de Gondomar.

O novo derrube dunha árbore na estrada agrava a problemática na contorna ao pazo do Conde de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
arbores pazo

Unhas ramas de grandes dimensións caeron na mañá do sábado sobre a estrada e o alumado público dende a finca do pazo do Conde de Gondomar. O incidente provocou o peche do camiño de Posadas durante algunhas horas, obrigando á policía local a desviar o tránsito  para que operarios do concello as retiraran. O suceso alarmou unha vez máis a veciños da contorna, que segundo denuncia o portavoz socialista, Paco Ferreira, manifestáronlle estar moi asustados pola reiteración destas incidencias. Feitos que ten denunciados á administración local e que segundo o edil de Medio Ambiente, Juan Carlos González, xa obran nun expediente urbanístico.

Por outra banda, González sinalou que a mediados de outubro foi achegada aos titulares do pazo unha orden de execución que obriga ao derrube urxente de oito exemplares así como á presentación dun plan de xestión da masa forestal do enclave para presentar ante a Dirección de Patrimonio, por tratarse dunha construción catalogada como Ben de Interese Patrimonial (BIC).

Presión urbanística e problemas económicos.

A presión urbanísitca e os problemas económicos estarían na base deste problema. A familia herdeira do pazo ten sinalado en máis dunha ocasión que non conta con medios suficientes para enfrontar toda a xestión que necesita o inmoble. O pazo a pesar de ser un BIC non percibe ningún tipo de achega pública para o seu mantemento. Á vez, diversas administracións municipais e autonómicas permitiron a construción de vivendas unifamilares e complexos habitacionais na súa contorna, sen tomar en conta a afectación a este ben de máis de 400 anos de antigüidade.

Outros factores fan aínda máis complexa a situación. O pazo do Conde de Gondomar non é titularidade dunha soa persoa. Nin sequera da mesma familia, segundo varias fontes consultadas. Por outra banda, os exemplares forestais que habitan intramuros, acadan en moitos casos entre un século e século e medio de existencia, cun valor patrimonial que lles outorga especial protección.

O pazo pode enfrontarse multas de ata 6 mil euros

O responsable de Medioambiente de Gondomar informa que a ordenanza de Seguridade, salubridade, hixiene, habitabilidade e ornato de parcelas, e edificacións de 2012, está a regular estas incidencias. Neste senso, o devandito regulamento obriga aos titulares de parcelas o fincas a cumprir as ordes de execución -como a dirixida ao Pazo do Conde- nun prazo limitado, do contrario se aplicarán multas que van dos 300 aos 6000 euros. E en caso de manterse o incumprimento, o Concello pode executar os traballos ordenados a cargo dos titulares da propiedade. Na conversación mantida con este medio, o responsable de Medio Ambiente non puido dar detalles do estado do expediente que pesa sobre o pazo por ser de tramitación ante a oficina de Urbanismo do municipio.

Veciños: “Cada día que pasa é un sin vivir!”

As queixas dos veciños son frecuentes e o perigo ocasionado polas árbores xa é un feito, xa son varios as árbores que caeron encima de vivendas, de vehículos estacionados e ata ao paso dun autobús escolar cando circulaba con nenos ao colexio”, denunciaba esta fin de semana o edil Paco Ferreira do PSOE local, co respecto ao incidente no pazo. “Os veciños estamos asustados e cada día que pasa é un sen vivir!” salienta que lle comentaban os veciños tras ser requirido por estes.

Advirte o edil que os veciños non ten porque pasar por esta “agonía” e acusa ao alcalde Fernando Guitián e a Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez (XIII conde de Gondomar) de importarlles “ben pouco” a situación.

Máxima que nega o edil popular Juan Carlos González, quen afirma que neste mandato do bipartito PP-CDL, aprobouse por primeira vez unha ordenanza que regula e atende este tipo de problemáticas no concello. Que neste contexto, o Concello de Gondomar intenta atender as demandas dos veciños, á vez contemplar solucións baseadas na realidade económica. “O problema coas árbores do pazo non son únicas, hai máis de 30 incidencias mensuias desta índole en distintos lugares de Gondomar. O que pasa é que todo o que ten que ver co pazo é máis mediático”, reflexiona o edil Juan Carlos González.