Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O alcalde de Gondomar négase a comparecer ante o pleno polo caso da suspensión das oposicións á policía local.

O alcalde de Gondomar négase a comparecer ante o pleno polo caso da suspensión das oposicións á policía local.

Correo-e Imprimir PDF

Oficialismo e oposición empataban en votos no pleno ante a ausencia do edil nacionalista Emilio Crego. A pesar de soster no debate que o goberno non tiña nada que ocultar sobre os motivos que levaron á suspensión "provisional" o pasado 25 de novembro das oposicións para a policía local de Gondomar, o rexedor Fernando Guitián finalmente fixo valer o seu voto de calidade para non someterse á comparecencia que demandaba unha moción do edil nacionalista Pauliño del Río.


A petición procuraba atopar explicacións sobre aspectos "non moi claros" que segundo o mocionante, sucederon na oposición frustrada na que participan 140 aspirantes para cubrir dúas prazas. Nomeadamente, os motivos que levaron á renuncia das técnicas municipais do tribunal cualificador e a existencia doutro tribunal anterior que tampouco chegara a constituírse por motivos tamén descoñecidos. Afirmacións de Pauliño del Río que ningún membro do goberno desmentiu no debate.
O tribunal cualificador estaba integrado por 5 membros titulares e 5 suplentes. "Todos eles funcionarios con titulación igual e superior á esixida nas prazas convocadas", segundo del Río. Participaban a Interventora do Concello como presidenta, A Técnica de Administración Xeral do Concello como secretaria e 3 vogais que son oficiais das Policías de Nigrán, Gondomar e Baiona. Todos cos seus respectivos suplentes.
A versión do oficialismo no debate foi que a Interventora e a Secretaria Xeral do Concello renunciaran ao tribunal por sobrecarga de traballo. Feito que en opinión da oposición non explicaba a renuncia das dúas funcionarias suplentes destas que tamén dimitiron en bloque. Mais sen entrar en máis detalles sobre o tema de fondo, e tras preguntar que motivos levaban á oposición a poñer o tema días antes nos medios de comunicación, deron paso á votación que resultou dúas veces empatadas, resultando desbotada a moción polo voto de calidade do rexedor.
"En vez de dar unha explicación razoada e crible sobre o proceso selectivo preferiu unha fuxida de quen pretende non asumir os deberes inherentes ao exercicio do seu cargo como alcalde. Unha fuxida cara adiante que veremos a onde conduce" sinalaba tralo pleno Pauliño del Río, autor da moción.
Engadía que a postura do rexedor Fernando Gutián é "difícil de entender para quen nada ten que ocultar segundo palabras do propio alcalde. Por que se nega a comparecer e explicar o ocorrido?"