Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O Pleno de Nigrán dá luz verde á construción do Punto Limpo e a ampliación da ETAP.

O Pleno de Nigrán dá luz verde á construción do Punto Limpo e a ampliación da ETAP.

Correo-e Imprimir PDF
Alberto-Valverde

Nunha xornada considerada "histórica" polos populares o Pleno de Nigrán aprobou nunha mesma sesión o proxecto de construción do Punto Limpo municipal e o polémico convenio con Augas de Galicia para a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable ETAP de Condomínguez. Na mesma xuntanza foi ratificado por unanimidade o acordo da Mancomunidade do Val Miñor sobre o servizo do Centro de Día.

O alcalde popular Alberto Valverde valeuse da maioría absoluta do seu partido no pleno municipal, para aprobar as dúas iniciativas por el presentadas. No caso do proxecto de construción do Punto Limpo municipal, contou só co apoio do voto do concelleiro Antonio Fernández Comesaña (UCN-CDL). Mais na aprobación do convenio con Augas de Galicia só manifestaron o seu apoio os 9 concelleiros do PP.

O Punto Limpo

Coa aprobación da construción dun Punto Limpo, apoiada polos votos do grupo popular e de UCN e a abstención do BNG e do PSOE, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde manifestou cumprir "unha demanda histórica do municipio". "Nigrán terá un Punto Limpo no noso primeiro ano de mandato, tal e como avanzamos no noso programa", asegurou. Neste sentido, Valverde lamentou a abstención do PSOE e acusou a esta formación de "que en catro anos non deu solucións aos veciños e veciñas de Nigrán e, agora, que pode apoiar esta iniciativa, decide absterse e deixala de lado". 

O Punto Limpo situarase na zona de Porto de Molle, e segundo as previsións da alcaldía estará en funcionamento no transcurso deste ano. A súa construción entrará a licitación nos próximos días e a obra ten unha execución estimada de 6 meses.

Intenso debate pola firma do convenio da ETAP con Augas de Galicia.

Como xa adiantáramos esta mañá, o maior debate da sesión centrouse na conveniencia ou non de asinar o contrato para a ampliación da ETAP con Augas de Galicia. Valverde defendeu a necesidade do mesmo argumentando que a posta en funcionamento do polígono de Porto de Molle, o crecemento da poboación no verán e os informes de viabilidade do PXOM -feitos por Augas de Galicia- así o requiren. Salientou que actualmente a planta bombea aproximadamente 70 ls/segundo, e que unha vez feitas as obras de ampliación pasará aos 200 ls/segundo.

Pola súa banda, a oposición manifestou o seu desacordo cos termos do convenio, no referente a que se a maior demanda provirá de Porto de Molle, debería ser Zona Franca a encargada de pagar os custes da obra. Nese senso, salientaron que o aumento da tarifa da auga que por 20 anos deberán pagar os veciños do concello cun aumento progresivo das tarifas ata amortizar o total da obra que ascende a máis de 1,2 millóns de euros,  "non é xusto nin legal" segundo se deprende do informe do departamento de intevención, xa que neste caso Zona Franca debería facerse cargo de todos os custes de infraestructuras necesarios para a aurbanización de Porto do Molle.

En relación ao incremento do custo da auga, Valverde respondeu que este acordo dá cumprimento a lei, máis concretamente do Decreto 84/1997 de 10 de abril, que establece a fórmula de colaboración da administración autonómica coas entidades locais neste tipo de actuacións. Ademais, de que o acordo aprobado hoxe faculta ao alcalde de Nigrán a realizar as xestións necesarias para reducir a achega municipal ao financiamento destas obras, que neste momento cífranse nun 10% do total da mesma.

O PSOE salienta que este este argumento de Valverde é unha "esquiva legal" para darlle forma ao convenio e saltarse o informe negativo do departamento de intervención.