Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Medra o optimismo no goberno de Nigrán verbo un acordo coa Xunta do número de novas vivendas..

Medra o optimismo no goberno de Nigrán verbo un acordo coa Xunta do número de novas vivendas..

Correo-e Imprimir PDF
vista nigran

O Concello de Nigrán e a Xunta de Galicia achegarían posicións sobre o crecemento demográfico e o incremento de vivendas previstas na actual redacción do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM). Segundo fontes municipais, Nigrán baixaría o número de vivendas previstas (próximo ás 8.000) ao mesmo tempo que a Xunta estaría disposta a "consensuar e negociar unha proposta de PXOM que non escape en exceso da plantexada inicialmente polo Concello". O alcalde Alberto Valverde informará a xunta de portavoces locais e ás asociacións de veciños do acordado nas conversación, o vindeiro martes.

 

"Somos conscientes de que a nosa proposta foi un plantexamento de máximos que deberemos adaptar pero sen renunciar á cuestión básica e fundamental, que é un modelo que dea resposta a realidade urbanística do noso municipio, fundamentalmente nas parroquias do interior", sinalou o rexedor logo da reunión mantida en Santiago o pasado xoves.

Nese senso, Valverde aclarou que a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarna Rivas, solicitou que a proposta do PXOM "teña en conta as consideracións das DOT (Directrices de Ordenación do Territorio), ao tempo que solicita maior xustificación de diversos criterios plantexados pola empresa redactora, como podería ser o crecemento ou a previsión do mesmo no número de vivendas".

Neste aspecto, segundo o alcalde, as diferenzas reduciranse a cuestións técnicas relacionadas coa forma de cálculo de dita estimación de crecemento, e en base a unha "maior argumentación da proposta por parte da empresa redactora."

A empresa redactora xa estaría a elaborar unha nova proposta que inclúa as modificacións plantexadas polos informes sectoriais, sobre as bases do convido na reunión de Santiago.

Xuntanzas informativas da tramitación do PXOM.

O alcalde de Nigrán convocou unha vez máis ós grupos políticos –ás 17.00 horas- e ós representantes das AAVV –ás 20.00 horas- en sendas reunión de cara ó vindeiro martes 8 de maio, para seguir informando da tramitación do PXOM, así como para dar conta de primeira man sobre o acontecido na reunión do xoves na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Neste novo encontro, Valverde adiantou que o equipo redactor explicará o estado da elaboración da proposta, que deberá incluír "tanto o indicado polos informes sectoriais como o acordado na reunión mantida coa Xunta de Galicia".

Nese senso, o alcalde declarou que "Estamos nun momento importante na tramitación do PXOM, polo que pido ós grupos políticos que asuman a responsabilidade de participar e de tomar decisión importantes para o futuro do noso concello. É momento de que arrimemos todos as costas e colaboremos, e de deixar atrás e expulsar do debate político un tema tan trascendente para os nosos veciños e veciñas".