Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Confírmase a destrución das laxes de Carlos Casares en Panxón durante as obras de remodelación.

Confírmase a destrución das laxes de Carlos Casares en Panxón durante as obras de remodelación.

Correo-e Imprimir PDF
casares-deturpado

O alcalde de Nigrán admite que as laxes conmemorativas do escritor Carlos Casares foron destruídas durante a recente reforma do paseo marítimo de Panxón. Deste xeito confírmase o denunciado por VM.info o pasado mes de xuño trala advertencia de veciños da zona que sinalaron a desaparición das mesmas do espazo coñecido como “Memorial a Carlos Casares” . Mais non foi o rexedor  Alberto Valverde quen comunicara publicamente a desfeita, senón o PSOE a través dun comunicado emitido hoxe no que sinala: “Ante á pregunta do Grupo Municipal Socialista no pleno do 21 de xullo  o Alcalde confirmou a súa destrución”. Nesa mesma sesión Valverde tería afirmado que as laxes se estaban a reconstruír. Declaración que tamén tomou estado público polo escrito remitido hoxe aos medios por parte do PSOE, pois as actas dese pleno aínda non están publicadas.  A todo isto, os socialistas denuncian que a un mes desas declaracións do alcalde aínda “non hai rastro das lousas”.

 As placas dedicadas á obra do escritor que residía en Vilariño e cuxos restos descansan no cemiterio de San Fiz dende 2002, estaban espalladas no chan e formaban un conxunto cultural co monólito que lembra a Casares no inicio do paseo. As pezas formaban parte dunha homenaxe do Concello de Nigrán en 2003 durante o mandato do socialista Manuel Rial e sendo o responsable de Cultura, Arturo Carreira.

A agrupación socialista insta agora ao Concello de Nigrán e a Xefatura Provincial de Costas “a depurar responsabilidades”. O edil Juan González (PSOE) sinala que debe saberse quen e como se destruíu ese patrimonio, e esixe “a súa inmediata reconstrución”.