Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O CEIP Humberto Juanes cualifica de “chapuza” unha instalación no centro ordenada polo alcalde de Nigrán.

O CEIP Humberto Juanes cualifica de “chapuza” unha instalación no centro ordenada polo alcalde de Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF

Rampla-H.-Juanes

Unha rampla construída no verán e que debía facilitar o acceso dos escolares á aulas infantís remata enfrontando a pais e profesores do colexio público Humberto Juanes co alcalde de Nigrán, Alberto Valverde. O centro solicitara a mellora dunha vía de acceso cun trazado que non respectou a alcaldía. A dirección do colexio manifestou nun escrito a súa desconformidade coa obra, así tamén como polo acabado da mesma que presentaba perfís cortantes. O rexedor desacreditou a valoración feita pola dirección escolar nunha intervención no último pleno e ante presenza dunha representación do claustro docente e da ANPA que concorreron ao mesmo. Agora os afectados reclaman a Valverde que rectifique e acepte dialogar na procura de solucionar o que consideran unha “chapuza” e de paso dotar ao centro dun espazo de xogos comprometido dende hai 13 anos pola administración local.

As deficiencias da instalación foron detectada no inicio dos cursos. A dirección convocou a técnicos municipais cos que unha vez reunidos,  acordaron dar solución a unha serie de imperfeccións e sobre todo acabados e tubaxes con bordes cortantes que comprometían a seguridade dos 418 escolares que asisten ao centro. A sorpresa foi maiúscula cando en horas do recreo, apareceron operarios municipais coa única orden de botar cemento sobre as partes rugosas do chan. 

 parque infantil juanes

Unha rampa que vai a “ningures”

Mais á marxe da rugosidade do acabado, “para min é fundamental a idea de que unha rampla faise para acceder dun sitio concreto a outro. Facer unha rampla para ir a ningures non ten sentido”, sinalaba un dos profesores.  Por outra banda, segundo a dirección as obras debían dar acceso ao aulario situado no linde co Concello e ademais eliminar unha zona verde que se atopaba nun estado deficiente. Pero, unha vez rematada a obra non cumpría ningún destes obxectivos .

Defectos perigosos

varanda juanesAs críticas da dirección que molestaron ao alcalde, sinalaban que o chan da rampla, feito de formigón “atópase sen puír, con rugosidades e pequenas pedras que supoñen un risco para o alumnado de tan curta idade se se produciran caídas ou empurróns”, segundo o escrito que tamén foi dirixido á Inspección educativa, á Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra e á Unidade Técnica da mesma.

Engade a existencia de canles con reborde afiado e cortante, deficiencias na nivelación que “ao chover, acumula auga chegando a impedir o seu uso”. Unha altura desnivelada “sen ningún tipo de protección ou varanda o que supón un risco de caídas”.

O informe da dirección do Humberto Juanes remata por sinalar que as obras realizadas neste verán “non supuxeron a eliminación de todas as barreiras existentes no patio, sendo unha preocupación constante de toda a comunidade educativa que avoga por unha escola inclusiva”.