Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A Xunta transfire ao concello a titularidade e a responsabilidade de mantemento da rúa Rans sen arranxala previamente.

A Xunta transfire ao concello a titularidade e a responsabilidade de mantemento da rúa Rans sen arranxala previamente.

Correo-e Imprimir PDF
rans

O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa sesión deste venres o decreto polo que autoriza o cambio de titularidade da estrada PO-334, á altura da Rúa Rans a prol do Concello de Nigrán. A medida que traslada agora a responsabilidade do seu mantemento e adecuación urbanística á administración local, obrigaría ao concello de Nigrán a desenvolver pola súa conta os arranxos nas beirarrúas e na estrada de aquí en diante.

A xestión municipal para acadar a cesión non contaba cun informe económico de Intervención, segundo confirmou Antonio Fernández (UCN) a esta redacción, crítico coa decisión plenaria de xullo que aprobou solicitar a cesión cos votos do PP e BNG. O edil Fernández adianta que estuda presentar un recurso para revocar o acordo por entender que representa un “acto de lesividade” ante o impacto económico que a futuro terá a medida nas arcas municipais. 

A medida desbloquea un acordo do alcalde coa deputación.

A medida da Xunta é produto dunha solicitude da alcaldía dirixida polo popular Alberto Valverde, que no mes de xullo anunciara a licitación das obras de humanización nun plan da Deputación. Dado que o vial era de titularidade autonómica o devandito plan de acondicionamento quedou en suspenso. A falla de titularidade municipal da rúa non permitía certificar a dispoñibilidade dos terreos para que a deputación comezara as obras.

Nigrán deberá adaptar a Rúa Rans ás normas urbanísticas vixentes.

A solicitude en estas condicións da rúa Rans non convencía a todos os membros do pleno de Nigrán.  En decembro de 2013 o edil Antonio Fernández Comesaña reclamaba ao alcalde que xestionara un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Transportes e Infraestrutura coa fin de acondicionar a avenida e adaptalo ás normas subsidiarias de planeamento urbanístico vixentes, que segundo argumenta, a rúa non cumpre hoxe en día. A petición foi acordada polo pleno pero segundo denuncia, Valverde non xestionou.

O edil compartía a urxencia de dotar con mellores servizos de aparcadoiros, arranxos da estrada e beirarrúas de Rans, mais esixía que o plan contemplara a adecuación ás normas subsidiarias. As mesmas, explicaba, establecen unha sección da rúa de 20 metros, que segundo a información coa que conta o edil, non contempla o actual proxecto que Alberto Valverde presentou ante a deputación: “o que o alcalde pretende levar a cabo é unha actuación ilegal”, denunciaba Fernández.

O tramo cedido pasará oficialmente a Nigrán antes de fin de ano.

A cesión de titularidade abrangue o tramo de 1,45 km de lonxitude que comprender dende a PO-552 (C-550) en Rans, inclúe a denominada rúa Rans e parte da avenida da Praia América, e finaliza na estrada Vigo-A Ramallosa (PO-325), na zona da Foz .

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG). Corresponderá ao Concello de Nigrán, a partir da formalización da entrega, “todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do vieiro”  sinalan dende Santiago.