Xoves, 17 Apr. 2014

Actualizado06:18:14 PM GMT

Estás en Opinion A resaca inconclusa Baiona en boas mans.

Baiona en boas mans.

Correo-e Imprimir PDF

Non hai moito tempo, se cadra uns poucos meses, comprobei nunha das tantas novas que ían incorporando á rede os compañeiros do grupo de facebook A Palma é nosa!, do que son orgulloso e activo membro, unha páxina escaneada dun vello xornal do ano 92. A folla en cuestión resultaba ser unha entrevista omnipresente e esmagadora na que un tal Manuel Vilar pousaba enchido e transcendente, esbozando un sorriso cínico e apocalíptico, cunha barba pesarosa típica de finais dos oitenta, sostendo un paraugas na varanda do balcón do que por aquela era o concello de Baiona. O titular daquela entrevista respondía ás arelas épicas que naquel intre comportaba Vilar, habitual dominador do imaxinario político baionés nos últimos vinte e cinco anos, arelas que nunca máis desbotaría e que sempre lle acompañarían alá onde el estivera. A actitude do entonces alcalde foi demoledora: “Creo que sigo teniendo a Baiona en la palma de mi mano”, frase pronunciada pouco tempo despois de que tiveran desaloxado da Palma a aqueles “sinistros” fulanos que acampaban no parque, e despois de se saber gañador indiscutible das municipais daqueles anos. Véxase tamén o xogo de palabras, talvez intencionado, coa Palma como protagonista. A soberbia e a ambición ficarían para sempre gravadas a lume na conciencia de todos nós, de todos aqueles que quixemos e queremos para a vila outra forma de gobernar, outro xeito de levar o temón do noso barco.



Todo isto vén a conto porque esta mesma semana liamos que o señor Vilar abandona a política activa, déixanos para dedicarse  a outros mesteres, entre eles dar clases no instituto baionés. E outra entrevista viña reflectir vinte anos despois algo que de ningún xeito se nos esqueceu. “Dejo Baiona en buenas manos”, afirmaba enchido e sabedor de que Baiona, a nosa Baiona, nunca deixou de ser del, nunca. Ao contrario, incluso naqueles momentos nos que a nosa vila non o tiña de alcalde era máis alcalde que nunca, e soubo gobernar entre bastidores dunha forma máis cómoda e menos mediática.
A altiveza coa que deixa Baiona móstranos que marcha na cima, marcha pola porta grande ou iso cre el. Pero nós sabemos que non, que todas as falcatruadas e desventuras políticas irán con el, están na nosa memoria colectiva e endexamais lle abandonarán. Porque como ben dicía Luís Pimentel, querido Vilar, “ti vas cun saco de sombras ao lombo”, e ademais, A Palma é nosa!