A problemática electoral.

Imprimir
carteleria_baiona

Parece ser que a única incógnita que planea a vila de Baiona é a de se conseguirá o PP a maioría absoluta ou se por contra o novo partido que pariu a política baionesa, que resulta ser o partido dos desmemoriados, é capaz de rabuñarlle un concelleiro ao señor Almuíña deixándoo composto e sen maioría. Non hai máis volta de folla. Así será. Así o di todo o mundo. Deste xeito, o candidato do partido dos desmemoriados seguiría chuchando do erario público como xa fixo estes últimos catro anos o señor Vilar, o do partido dos do bandullo cheo. Será como unha carreira de relevo, nin máis nin menos, cóllea ti que a min xa me dá risa. De tódolos xeitos, de conseguir a maioría, o PP tería un fabuloso cheque en branco para facer o que lles veña en gana…é dicir, nada de proveito.

Na rúa, exceptuando aos entusiastas seguidores dos partidos, a xente crítica está descontenta, coma case sempre a xente nova de esquerdas. E esta vez parece que van en serio, dubidan incluso se saír o día vinte e dous ao colexio electoral. A oposición, entenden, como tal, non existiu. Uns, os do PSOE, dirimíronse nunha loita intestina brutal da que aínda tratan de recuperarse. Por sorte, renovaron a lista ao completo e tratan de paliar unha posible caída con novos aires e novas propostas e, cando menos, a súa candidata afirmou publicamente que baixo ningún concepto o partido socialista pactará con independentes desmemoriados dispostos a coller a chamada “chave de goberno”, isto é, por un feixe ruín de votos ser o que máis cobra e máis mama e manda do concello. Os outros, os do BNG, quéixanse de que dá igual que fagan boa oposición xa que apenas lles ofrecen acubillo nos medios de comunicación, algo co que os nacionalistas deben convivir no día a día deste noso país. Moita xente concorda en que de aumentar o BNG os concelleiros sería a costa do PSOE, co cal os uns e os outros están perdidos. A oposición é por tanto imperceptible aos ollos da xente nova, polo que a sensación durante estes días é de que todo se fai ás présas e correndo, e así como comprenderán, resulta imposible, nunha vila conservadora case por tradición secular.

Mentres, o señor alcalde comezou a cementada oficial das rúas, xa en plan descarado, veñen eleccións, imos asfaltar, como se fixo sempre. Como dixo aquel, debería haber elección todos os anos. A cousa está alcanzando certa comicidade posto que non hai unha rúa en Baiona que non estea valada e chea de cemento. Aínda non hai moito que unha señora meteu a perna nun buraco en plena rúa Cidade de Vigo. Así son as cousas.

E a moitos de nós, desexosos doutra Baiona mellor, só nos queda conformarnos ou ben cunha maioría desastrosa para a vila, ou ben coa entrada do señor do partido dos desmemoriados, algo que garantizaría a desfeita e a parálise catro aniños máis.