Grandes calvas ían aparecendo por distintas partes do que ata entón fora un bosque tupido. Outra ameaza pesaba daquela sobre o lugar: un proxecto de circunvalación, con rotondas, iluminación, aparcamentos, beirarrúas...
Eses dous foron os motivos que impulsaron naqueles días o nacemento da Asociación Salvemos Monteferro. Hoxe aquel proxecto urbanizador está felizmente retirado, pero as cortas masivas volvéronse producir hai poucos días.
Constitúen unha actuación ilegal que polo tanto denunciamos. Vulneran o estipulado nas Normas Subsidiarias desde Concello de Nigrán que na súa Ordenanza 17 prohiben explicitamente para Monteferro "La tala de arbolado que no se produzca por entresaca". E así o deberon entender tamén os responsables municipais que, como consecuencia desa denuncia, ordenaron a paralización cautelar dos traballos. Trátase simplemente de que se cumpra a lexislación vixente.
Monteferro é un tesouro que milagrosamente chegou intacto ata nós.
O seu valor acrecéntase cada día, cando ao redor todo se urbaniza. O seu carácter de espazo natural nese lugar prixilexiado é un dos valores con máis futuro do Concello de Nigrán, sempre que sexamos capaces de conservalo sen estragalo, sen que perda a súa condición de natureza en estado puro, a única que nos queda no litoral desta banda da ría.
No seu día, Salvemos Monteferro elaborou e presentou ao Concello e á Comunidade de Montes un Plan Alternativo para Monteferro con propostas moi variadas para a conservación do monte como tamén para conseguir unha explotación racional do mesmo.
Arrasar sistematicamente o arborado non parece unha práctica moi aconsellable, nin aquí, nin en parte ningunha.