Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

18 segundos

Correo-e Imprimir PDF
marta dacosta

Dezaoito segundos que pasan mentres escribo os dez caracteres desta frase.

Dezaoito segundos que pasan mentres conto os caracteres do numeral que a encabeza.

Dezaoito segundos que pasan sen que as ideas acudan, e a man detense sobre o teclado, pensativa.

 

Dezaoito segundos en que non apago a sede, porque non abondan para ir por un vaso de auga, mentres escribo.

Dezaoito segundos que non se paran e corren até rematar nunha frase inconclusa que só satisfai ao grande irmán que tronza o sinal e impide que saian as palabras fulcrais para un peche de campaña.

Dezaoito segundos para cento tres mil setecentas vinte e catro persoas, non toca nin a décimas de segundo e si a céntimos de euro de televisión pagada cos impostos de todas e de todos.

Dezaoito segundos que se converten así en sinónimo de ocultación, negación, censura.

Sutilezas do sistema para evitar que abramos os ollos e comprobemos quen fala por nós e lle pon son ás nosas angueiras, quen as converte en bandeira que ergue e reclama, onde sexa necesario, sempre.

Dezaoito segundos ou a lembranza que nos quedarán destes días, mentres preparaban sen descanso a campaña de desprestixio perfectamente calculada para ser emitida nas últimas horas.

Dezaoito segundos que son o resultado dunha deliberación e unha decisión tomada expresamente e unicamente para o BNG, só para prexudicar o BNG, só contra o BNG, como se as persoas que votamos no seu día e a parlamentaria que resultou dos nosos votos non tivésemos existido nunca.

Dezaoito segundos para comprobar que a falta de neutralidade é un mal estendido e que hai quen non sabe realizar un traballo obxectivo e colabora no silenciamento

que o sistema impón. Pensades nos medios máis coñecidos, os mesmos que reciben subvencións da Xunta de Galicia por un emprego da nosa lingua que non é tal. Mais

tamén se produce entre pequenos medios en que quen realiza o traballo xornalístico non sabe evitar as súas inclinacións persoais e converte o medio nunha expresión da súa subxectividade.

Dezaoito segundos que non poden apagar o traballo militante de tantas persoas que dedicaron as horas que lles quedaban a percorrer rúas e camiños, falar e pegar, repartir, encartar, despregar, colgar, redactar, fotografar, compartir, publicar, enviar, chamar, organizar, aplaudir, berrar, espertar, convencer, demostrar...

Dezaoito segundos que si me permiten deixar aquí esta frase coas súas dezaoito letras:

Parabéns e gratitude.

Marta Dacosta
26 de maio de 2014.