Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Escolainas Dimisión

Dimisión

Correo-e Imprimir PDF

O traballo do mestre é complicado. Aparte de ensinarlles aos alumnos unha morea de cousas que non espertan o seu interese, a sociedade, nun acto de dimisión colectiva sen precedentes de responsabilidades, adxudícalle cada vez máis cometidos (educación en valores, sensibilización, prevención) que deberían ser competencia principal da familia arroupada e apoiada por esa sociedade dimisionaria. Porque a familia, coa colaboración activa e decidida do colectivo social no que está integrada, é a transmisora natural de actitudes e sentimentos para a vida. O labor da escola neste eido debe ser o de actuar como reforzo e aval ou, en todo caso, como organizadora e sistematizadora do currículo relacionado.

Este abandono de funcións da sociedade ten como efecto máis salientable para un docente (¿ou como causa?) o conseguinte deixamento de competencias dalgúns pais, de bastantes pais, que se converten inconscientemente en adversarios da formación integral (humana e académica) dos seus fillos.

Entendo que estou pesimista, ou triste, pero é que acaban de expulsar do Colexio a Manolo nunha resolución que a súa actitude viña anunciando dende hai anos. E moito me temo que a sociedade, no devalar do tempo, acabará revalidando esta sanción. Os pais, moi ocupados en encher a vida de cousas, nunca tiveron tempo ou ganas de encher as vivencias do seu fillo de responsabilidade e criterio, de inquedanzas, de compartilas cos profesores, de corrixir e guiar....

O que antecede escribíao hai dez anos nun momento de sentimentos encontrados. E atopeino hoxe mentres estou á espera, unha nova espera despois de varias fracasadas, da visita dos pais de Chuco que, supoño, tampouco se producirá.

Cando cortei a súa violenta pelexa con Xolas no recreo e chameilles a atención ergueu ameazante o puño mentres o seu compañeiro agachaba a cabeza con pesadume.

- ¡Un home non pode ser covarde! – berrou.

Os pais de Xolas falaron comigo ao día seguinte, pero os de Chuco non teñen tempo. Hai cousas que non melloran.