Luns, 20 Oct. 2014

Actualizado03:50:41 PM GMT

Estás en Opinion Escolainas Un cursiño

Un cursiño

Correo-e Imprimir PDF

Nunca usei libros de texto, sobre todo porque quero dirixir libremente a miña docencia. Pero non teño a intención de falar deste tema, demasiado complicado para abranguelo nunhas liñas, porque eu sei ben que non ter libro pode ser bo e pode ser malo, e o mesmo sucede con ter libro, e todo depende das características que rodean o uso que se faga dos instrumentos libro e non libro. Fago este preámbulo porque este ano “herdei” un curso de galego con libro, o que me puxo de novo en contacto coa abundancia de actividades de “encher ocos” ou contestar preguntas dirixidas. E lembrei que hai que ter moito coidado con elas.

Alí, un neno inmigrante listo coma un allo pero con moi pouco vocabulario galego, presentoume uns traballos deste tipo ben realizados.

- Moi ben, Alí. E dime, ¿que é un animal salvaxe?

- O que salva xente.

Non obstante, os exercicios estaban ben feitos. E evoquei un cursiño ao que asistín hai moitos anos e que deixou profundas pegadas iniciáticas no camiño docente que encetaba. Nel debiamos actuar sen inhibicións como se fósemos alumnos, e o relator enrolounos en varias interesantes actividades das que sobresaen tres.

A primeira, evocada grazas a Alí, era un exercicio de comprensión lectora e o texto estaba inzado de palabras inventadas. Por exemplo: “... polo que os bezoicos enforciaron oito días seguidos dentro das beliarias e foron admirados por toda a sociedade”. As preguntas eran do tipo: “¿Que lles gusta facer aos bezoicos? ¿Canto tempo enforciaron?. ¿Onde enforciaron?. ¿Está ben enforciar?”. E, naturalmente, todos contestamos correctamente.

Noutro momento recibimos todos un caderniño coa indicación de que debiamos realizar as operacións indicadas sen consultar con ninguén. Cada un tiña que ir deducindo como puidese o que había que facer. E ante nós presentáronsenos signos descoñecidos de operacións descoñecidas con termos e elementos descoñecidos. ¡E pretendían que obtivésemos un resultado! A perplexidade asomou a varios rostros cando observamos que algúns asistentes ¡estaban a facer operacións! ¡E conseguiron un resultado satisfactorio!. Logo descubrimos que os seus caderniños incluían unha folla informativa da que carecían os nosos. ¡Cantas veces lles falamos en chinés a algúns alumnos, carentes da base, da información previa, necesaria, sen decatármonos!

Aquela outra foi moi divertida. Tratábase de seguir instrucións. Era importante desinhibirse e facer o que alí nos pedían: levantarse e dar dúas palmadas, ir ao encerado e escribir unha palabra aguda, dar unha volta arredor da mesa,... Ao pouco tempo, entre risa e diversión, a maioría andaba enredado en cumprir todas estas estrañas peticións. A folla que as contiña tiña parte de atrás. Quero dicir que a décima e derradeira instrución estaba no reverso. A primeira dicía: “Le todas as instrucións antes de seguir”. E a última: “Non fagas caso das instrucións 2ª a 9ª e queda sentado ata que todo o mundo remate”.

Aprendizaxe non significativa, acumulación de desinformación (ou de información deficiente), traballo atoleirado.¡Que complicado é ensinar!

- ¡E que difícil aprender o que os profesores queredes que aprendamos!

- Alí, volve ler o texto e subliña todas as palabras que non entendas. ¡Todas!.

- Profe, ¿que é subliñar?.