Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ MeRZ 8

MeRZ 8

Correo-e Imprimir PDF

Na primeira metade do século XVIII, o bispo Berkeley propuña que a materia non é máis que unha colección de ideas. E dicir, sen negala completamente, defendía que a súa presencia no espazo unicamente é artellada e definida polo ser humano. Os físicos actuais suxiren uns modelos cuánticos onde as partículas subatómicas aparecen, dun xeito simultáneo, en dous sitios, ou mesmo, que unha partícula pode amosarse só cando é observada.  Cando saímos dun cuarto ou apagamos a luz, podemos estar seguros de que todo segue aí? Un dos aspectos máis importantes da formación humana, eu diría que indispensable, é a curiosidade. O convencemento de que todo o que sucede ao noso arredor deixa unha marxe para unha fenda de dubida, para un san escepticismo, impide unha afirmación total e absoluta, deixando a porta aberta a un posible cambio de xuízo ou á posibilidade de ver as cousas desde un prisma distinto. Sen curiosidade non hai paixón, e sen paixón non hai movemento. Sospeitemos, polo tanto, de aqueles que veñen de volta de todo, e sobre todo, dos que o manifestan unha e outra vez, pois deles podemos dicir, con case total certidume, que aínda non chegaron.   En si mesma, a realidade non vale un pemento. A percepción é a que leva a realidade ata o significado, existindo unha xerarquía de percepcións, e, por conseguinte, tamén de significados, na que ás adquiridas con os prismas máis refinados e sensibles ocupan o cume. A cultura é elitista por definición, e a aplicación dos principios democráticos á esfera do coñecemento favorece a equiparación da sabedoría coa imbecilidade (Joseph Brodsky). A intuición vital e existencial do baleiro é compartida por todo ser humano, estando ligada, posiblemente, á orixe das relixións. A cuestión é como reaccionamos ante el. Nunha manipulación sectaria, e no fondo inútil, a nosa época propón a renovación contínua e artificial duns productos que, baseada nunha elevada inversión na promoción e creatividade publicitarias, procura agochar a fonda ansiedade do consumidor, incrementando, ao seu pesar, a sensación de horror vacui.  O emprego abusivo dos altofalantes nas festas e todo tipo de acontecementos é moi común no noso pais. Coplas, pasodobres, salsa, ritmos caribeños, panxoliñas ou mesmo, en certas parroquias, o sermón do cura, enchen, desde as primeiras horas da mañá e durante días, o espazo nas festas patronais, no Nadal ou en calquera ocasión que poida servir de escusa. Este exceso, a miúdo motivo de gabanza e, a semellanza das celebracións gastronómicas,  amosado como unha virtude nun pobo que sabe gozar, é tolerado e aínda promovido por unhas institucións municipais que, baixo a aparencia dunha desbordante, contaxiosa, totalitaria e artificial ledicia, incumpren as súas mesmas normativas sobre o ruído. Só as palabras trocan en pensamento os sentimentos instantáneos, e, por iso, o home que está pensando atópase conversando consigo mesmo. Mais conversar con un mesmo é unha arte, mentres que conversar cos demais seres humanos é un entretemento (Andréi Platónov, Chevengur). Na arte occidental do século XX, mesmo nas súas linguaxes plásticas, podemos observar unha liña recorrente que expresa una vontade de desprendemento e renuncia, sempre en exilio de si mesma. Nese percorrido moderno na pescuda dunha imposible desmaterialización e seguindo as pegadas do pensamento oriental, mais tamén da gran tradición mística e heterodoxa do pensamento europeo (Maestro Eckhart, San Juan de la Cruz ou Wittgenstein), Duchamp, a meirande parte da abstracción lírica e xeométrica ou a arte conceptual e minimal,  desenvolveron estratexias e linguaxes na procura dun baleiro que pretendía acadar, comprender e deixar espida a esencia da arte. O baleiro non se enche nin se pinta, pénsase (Jorge Oteiza). Segundo a física cuántica, o baleiro é un fervedoiro de actividade caótica, de rápidas e cambiantes fluctuacións arredor do mínimo nivel de enerxía dos distintos campos que o enchen.  De todos os xeitos, e dadas as enormes discrepancias na súa medición, algo non funciona nas actuais concepcións e ideas sobre o baleiro. Ademais, a enerxía do baleiro semella  ter certa realidade física, como se desprende do efecto Casimir, no que se xera una forza atractiva entre dúas pranchas metálicas paralelas suficientemente achegadas.