MeRZ 12

Imprimir

O estado actual das ciencias é incompatible coa crenza nas ánimas ou espíritos inmortais. Tanto a charlatanería espiritista ou esotérica como a leria clerical atópanse ligadas, no fondo, por tácitas complicidades de orixe animista, aínda que amosen enfrontamentos e tensións recíprocas por monopolizar e controlar unha cultura da credulidade, da fe cega e irracional, do extraordinario e o milagreiro.  A maldición do crente é atopar a súa Igrexa ( René Char). Pulseiras enerxéticas, karmas, horóscopos, astroloxías, determinismos, paraísos, pantasmas, clérigos, deuses, meigas, animismos, anxos, infernos, purgatorios, virxes preñadas, placebos, igrexas, videntes, milenarismos, trasnos, revelacións, parapsicoloxías, fanatismos, espíritos,  gurús, supersticións, curas, ánimas, redentores, espiritismos, transmigracións, demos, esoterismos varios, andrómenas e outras herbas  O verdadeiro milagre é a crenza nos milagres ou, como dicía Pessoa, o único misterio é que haxa quen de pensar no misterio. Na vida cotián, nada é mais imprescindible para a nosa supervivencia como a distinción entre o verdadeiro e o falso. Dun xeito continuo, o noso cerebro corrixe o percibido polos sentidos. Esa é a razón pola que o fundamento da arte e, tamén, o seu gran tema, sexan os xogos inesgotables entre ilusión e realidade. A arte sabe que os límites non están nada claros, que a verdade ten moito de artificio, e que, moitas veces, un se achega mais á ela cando camiña, unha e outra vez,  polo eido da ficción e mesmo da falsidade. Experimentando cos fenómenos da percepción visual, o artista holandés Jan Dibbets realizou, a partir de 1967,  as súas afamadas perspectivas corrixidas, imaxes fotográficas nas que o trapecio que deberíamos ver, resultado da visión en perspectiva dun cadrado debuxado no chan, amósase ao espectador como un cadrado, procurando un conflicto entre o que vemos e o que sabemos. O individuo que se facía chamar conde Víctor Lustig, nado en 1890 na República Checa, foi un dos mais astutos estafadores do século XX. En 1925, despois de ler no xornal as críticas polos altos custos de mantemento da torre Eiffel, convocou, no Hotel Crillon de París, aos seis empresarios de ferralla de mais alto nivel adquisitivo e, presentándose como un alto funcionario do goberno francés, tenteounos cara á posible compra das 7000 toneladas de ferro. O falso conde, despois de reclamarlles discreción para previr un posible rexeitamento popular, deulles todos os datos técnicos, levounos a ver a torre, e pediulles unha oferta de compra en sobre pechado. Unha vez recibidas as ofertas non escolleu a mais alta, senón a do ferralleiro que sentiu mais inseguro socialmente e con maiores ganas de medrar. Foi a el a quen lle vendeu o monumento, cobrando unha alta comisión por adiantado, e fuxindo do pais. Ao ver que os xornais non daban conta do caso, pois o home, avergoñado, non denunciou, volveu a París e, repetindo a fórmula, vendeuna  outra vez. Cando o novo estafado montou un grande escándalo, o suposto conde desapareceu cos cartos.  Pouco antes do seu discutido procesamento, o xuíz Garzón denunciou que a grande maioría dos casos xudiciais que implicaban a altos executivos en delictos de cartos, estaban a punto de prescribir.  Nun deles, o ano pasado, o presidente de Telefónica foi absolto, por prescrición do caso, da acusación de utilizar información privilexiada nas súas inversións privadas en bolsa. Na actualidade, o presidente do Banco de Santander, de preclaro e lúcido apelido, e algúns dos seus subordinados, atópanse imputados por outros delictos económicos. Estamos a falar da transgresión e incumprimento dunhas lexislacións xa de por si desprestixiadas e ambiguas, as mais das veces feitas a medida, que legalizan ou toleran todo tipo de imposicións arbitrarias, cobros indebidos, demoras absurdas, privilexios intolerables, formas prepotentes e sofisticadas de chantaxe ou fraudes mercantís e empresariais na oferta de servizos.  Mais significativo é, se cabe, o corto espazo e nulo seguimento que teñen estas novas nuns medios de comunicación que insisten nunha idea trivial e adozada do entretemento. Recoñecemos uns límites no noso coñecemento, que, a fin de contas, proveñen de habitar nun mundo autoinventado, activo, non lineal e impredicible. O seguinte paso é aceptar que a diversidade constitúe a nosa maior riqueza, á que só corresponde ser iguais perante a lei. Sen teoloxías nin moralinas, a función do dereito é establecer as regras de xogo. O infractor da lei non é nin un pecador nin culpable de desacato á autoridade, senón un tramposo (Antonio Escohotado)