Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Opinión O noso corpo, o noso territorio

O noso corpo, o noso territorio

Correo-e Imprimir PDF
dereitos mulleres

MANIFESTO DAS COORDENADORAS NACIONAIS DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE CATALUNYA, EUSKADI E GALIZA CONTRA O PROXECTO DE LEI DE ABORTO DE GALLARDÓN
"O NOSO CORPO, O NOSO TERRITORIO"
No mes de decembro o Consello de Ministros do Estado Español aprobou o proxecto de reforma da Lei do Aborto presentado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, que leva por título: "Lei orgánica de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada". Con esta reforma o partido popular cede ás presións da xerarquía católica e os grupos ultra conservadores, integristas e fundamentalistas que pretenden frear os cambios das mulleres para que non saiamos do perfil maternidade-domesticidade. Coidadoras ao servizo dos demais.
A norma, que pretende derrogar a vixente "Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo" non só eliminaría -no caso de ser aprobada- o sistema actual de prazos, no que durante as primeiras 14 semanas de embarazo a muller pode abortar sen ter que alegar ningún motivo, senón que ademais restrinxiríanse os supostos para poder abortar legalmente. Só habería dous: violación e grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da muller. Sería o persoal médico -con requisitos máis estritos que no 1985 e un procedemento máis longo- os que decidirían si ese perigo existe. Non todas as malformacións fetais, segundo este anteproxecto, serán tidas en conta para poder abortar, aínda que si o sería o efecto psicolóxico que isto teña na embarazada, co conseguinte prexuízo no expediente de saúde para a muller, que podería ser no futuro, utilizado na súa contra para alegar incapacidade no caso de, por exemplo, unha demanda pola custodia d@s fill@s, ou á hora de buscar un emprego, etc.


Por conseguinte, consideramos que esta Lei suporía:

  • Unha vulneración dos dereitos das mulleres e un retroceso de máis de 30 anos na loita polo dereito das mulleres a decidir sobre a nosa maternidade, sen intromisións.
  • Un recorte nas liberdades das mulleres e unha perda de dereitos que pode propiciar que algunhas mulleres expoñan a súa propia vida.
  • Un perigo para a saúde e para todos os dereitos humanos das mulleres dende argumentos baseados nunha moral particular e en interpretacións relixiosas fundamentalistas e integristas.
  • Unha inxerencia ilexítima da moral particular dalgúns grupos nas políticas públicas e nas leis, que son responsabilidade e obrigatoriedade dos estados.
  • Unha alianza estado/igrexa que viola o principio de laicidade do estado, vulnerando os dereitos humanos, afianzando prácticas discriminatorias e inxustas, materializando a violación da dignidade humana e da conciencia individual.
  • A vulneración do dereito á intimidade.

Que se concretaría en:

  • Aumento de abortos clandestinos e de risco. Pois con esta lei sumaríamos á lista de países onde o aborto está restrinxido ou penalizado pola lexislación, e onde se producen a gran maioría dos abortos clandestinos, obrigando especialmente ás mulleres con poucos recursos e/ou mozas a interromper o embarazo de forma pouco segura.
  • Unha volta á minoría de idade das mulleres que necesitarían de varios informes psiquiátricos para poder abortar.
  • Unha discriminación para as mulleres con poucos recursos - económicos ou de información-, xa que unhas poderían abortar no estranxeiro e outras terían que facelo na precariedade, pondo en risco a súa saúde.
  • Unha prolongación do sufrimento das mulleres que queiran abortar que se verían obrigadas a buscar informes médicos que "avalen" e permitan a súa decisión de abortar.
  • A inseguridade xurídica das persoas que teñan que "informar" sobre a saúde psíquica da muller que quere abortar e de todas aquelas que poidan ser xulgadas pola realización de abortos.
  • A vulneración do dereito á intimidade, xa que a decisión das mulleres pode ser obxecto de cuestionamento e investigación.

En definitiva, que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo e a súa vida se vexan limitadas polo mesmo goberno que está promovendo uns recortes que fan que as nosas vidas se precaricen hasta extremos que non podíamos nin sospeitar, un goberno que centra todas as súas atencións e desvelos nun feto, cando non ten ningún reparo en deixar sen teito, escolaridade, comida, asistencia sanitaria...etc @s nen@s xa nad@s, polo mesmo goberno que condena a morte a milleiros de vidas en vallas – fronteiras, para garantir a invulnerabilidade de Europa, unha Europa que só fala de fundamentalismo cando é islámico e invisibiliza o católico, nunha connivencia que lle permitiría deixar sen dereitos ás súas cidadás, desatendendo o cumprimento dos dereitos humanos, mentres non vacila para facer cumprir coa maior celeridade gran cantidade de "axustes" económicos, facéndonos protagonistas unha vez máis do que xa coñecemos, o capitalismo globalizado é a quintaesencia do patriarcado.
Por todas estas razóns as mulleres da MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE CATALUNYA, EUSKADI E GALIZA
ESIXIMOS:
Que se recoñeza o dereito fundamental das mulleres a tomar as súas propias decisións

  • Que se garanta a soberanía das mulleres sobre o seu propio corpo e a súa vida.
  • A cobertura da interrupción voluntaria do embarazo na rede hospitalaria e extra hospitalaria pública de maneira que se garanta o carácter universal deste dereito e se normalice como prestación sanitaria, sen que exista ningunha discriminación xeográfica no acceso de todas as mulleres a este dereito nos servizos públicos.
  • A regulación da obxección de conciencia que precise os seus límites, garantindo que todos os centros públicos dispoñan dos equipos profesionais necesarios para atender a demanda de aborto das mulleres.
  • Que os dereitos das mulleres usuarias destes servizos sexan respectados e protexidos en todo momento.
  • Que se adopten as políticas e medidas integrais necesarias en saúde sexual e reprodutiva baseadas no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos.
  • Que se inclúa a educación afectiva emocional e sexual con perspectiva de xénero no curriculum escolar.

Recordámoslle ao goberno que ten a obriga de garantir o pluralismo, a liberdade de conciencia, o dereito á saúde reprodutiva e sexual e o dereito a decidir. Neste sentido os argumentos relixiosos non poden converterse en políticas públicas, nin moito menos leis que vaian en contra dos dereitos humanos de tódalas mulleres.
FACEMOS UN CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN:

  • Súmate ás concentracións, difunde as convocatorias, fala coas túas compañeiras, amigas,veciñas; firma os manifestos, ofrece a túa colaboración aos grupos que emprendan accións para oporse a esta lei.
  • Esixe: Aos teus representantes políticos e en todas as organizacións nas que as mulleres esteamos presentes, que dean a cara, se opoñan á nova Lei, defendan os nosos dereitos e loiten por garantir a liberdade das mulleres para decidir.