Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Percepcións dun introvertido Viaxe á estrema dura de Iberia.

Viaxe á estrema dura de Iberia.

Correo-e Imprimir PDF
Museo Paula Rego. Cascais. Apunte a.s.t.

Foise agosto e regresou o hábito; con el, esta columna mensual. Hai un tempo sacaba a lectura pública, en dúas entregas, unha viaxe ficcionada de menos de vinte e catro horas na que cifraba algunhas das miñas emocións e percepcións sobre cousas, lugares e personaxes reais da miña vila. Hoxe colgo a primeira das sete entregas doutra viaxe; esta, real, recente e compartida con María José, arranca nos últimos días do anteriormente citado mes.

Prólogo.

Sen apenas preparativos e facéndonos acompañar polos Concertos de Brandemburgo, de Bach, a primeira hora da mañá saïamos rumbo á capital do país do fado. Pasara unha mala noite debido ao catarro que arrastro e nin sequera a música conseguiu que o meu estado de ánimo deixase de resentirse antes de media mañá; agora, moitas horas despois, vexo todo doutra cor.

Tras algo menos de catro horas de viaxe, nas que me sobrou tempo para contemplar como as nubes e néboas das primeiras horas disipábanse con desgana ante a insistencia do sol, decidimos volver visitar, fóra de programa como tantas veces, o Convento de Santa María da Vitoria, en Batalha. Esta gran obra inacabada foi mandada construír por D. João I para conmemorar a súa vitoria sobre as tropas castelás comandadas por Juan I de Castela, a finais do século XIV, en Aljubarrota, entre Alcobaça e Leiria. Nel atopeime de novo con parte importante da historia portuguesa, coas Capelas Imperfeitas, coa Capela do Fundador, co máis famoso gótico de Portugal, co manuelino -estilo arquitectónico portugués que convive co gótico tardío en tempos de D. Manuel I- e coa tumba do seu introdutor neste monumento: o arquitecto Mateus Fernandes o Velho, quen foi intermitente mestre de obras do mosteiro dende mil catrocentos oitenta ata a súa morte en mil cincocentos quince. Conseguiu, ademais, o privilexio de ser enterrado, xunto á súa esposa, no interior da igrexa monacal e alí, aos pés da nave principal, segue hoxe.

Antes de regresar ao coche atravesando o casarío que rodea parcialmente o mosteiro achegámonos a contemplar o pelourinho, situado a moi pouca distancia en dirección nacente. Esta columna pétrea coñécese en Castela cos nomes de Rollo e Picota e nelas sometíanse a escarnio e castigo os reos durante o antigo réxime; eran símbolo de xurisdición civil e criminal. Son monumentos, hoxe obviamente sen uso, que concitan a miña atención dende hai moitos anos pola súa presenza icónica dentro do espazo urbano, alcanzando en ocasións gran valor artístico; proba diso son o de Villalón, en Tierra de Campos, o de Peñaranda de Duero, en Burgos, o de Colares, preto de Sintra, e tantos outros. En Galicia non coñezo ningún vestixio físico, só o seu topónimo nalgunhas poboacións. Despois, xa sobre a marcha e seguindo coa improvisación, propuxen ir ver o resultado dos traballos de Gonçalo Byrne en Alcobaça. Alá fomos.

Teño poucas referencias do estado en que se atopaba a contorna deste mosteiro antes da intervención de Byrne - só sei que un vial asfaltado pasaba pegado á súa fachada principal - pero en todo caso a vista que agora ofrece é magnífica. O espazo público de respecto ao monumento e de transición ao casarío doméstico da poboación, que é o mesmo, está tratado con criterio en ambos os dous bordos. Aténdese ás escalas, os usos, as perspectivas, as texturas, ...os cromatismos. O tratamento da gran praza proxectada por Byrne, aberta ante o mosteiro, está resolto de xeito brando e amable a base de xabre compactado no que se intercalan fitas de pedra calcaria que, ao tempo que resolven construtivamente as evacuacións de augas pluviais, escalan e atan o pavimento. Esta combinación de materiais dá continuidade, en horizontal, ao cromatismo da fachada, coincidindo o branco das fitas de pedra co encalado das ás laterais do mosteiro e o ocre do xabre co corpo central pétreo formado pola fachada da igrexa.

Cando chegamos a Cascais aínda persistían na lembranza as sofisticadas imaxes exteriores de Alcobaça. Tamén a extrema pureza e limpeza formal dos interiores cistercienses; espazo nu este que acolle no transepto os delicados sepulcros góticos, enfrontados baixo o cruceiro, de D. Pedro I e Dª. Inés de Castro, a súa amante galega. Un maxestoso alarde de hipocrisía, outro máis, da igrexa católica, por fortuna artística ben conservado, nun mosteiro que se empezara a construír en mil cento setenta e oito, entre os ríos Alcoa e Baça, sobre uns terreos que o rei Afonso Henriques doara ao abade Bernard de Claivaux.

Cascais é unha poboación frecuentada pola burguesía de Lisboa que nela atopa unha paisaxe fermosa e praias tranquilas de area moi fina. É unha cidade agradable e limpísima, na que, despois dunha visita lóstrego a Sintra, decidimos facer noite. Neste conglomerado urbano desmerecen extremadamente un grupo, non pequeno, de edificios de uso residencial e hoteleiro, que mostran a grotesca estética que por norma defende nas súas actuacións o novo rico. En xeral, tampouco é satisfactorio o encaixe urbano desas volumetrías. Unha barbaridade, filla da especulación urbanística.

Esta viaxe que hoxe iniciamos pola actualmente testemuñal estrema dura ibérica encerra un segundo obxectivo ademais da estrema dura en si mesma: achegarnos a unha serie de obras de arquitectura contemporánea proxectadas por Souto de Moura, os irmáns Aires Mateus, Tuñón e Mansilla, e Álvaro Siza; catro estudios de arquitectura hoxe en día activos cuxas propostas me interesan. Haberá outros arquitectos, seguro, sempre aparecen, de feito xa xurdiu Byrne, pero os citados son a prioridade. En todo caso, en Cascais estaban a esperar as primeiras.

Camiñando coa vista fixa no que o arboredo e o muro de peche do xardín en que se sitúa permitían ver, achegueime con ilusión á Casa das Historias - museu Paula Rego. A cor vermella do formigón exterior recordoume a Oteiza; gustoume. Tamén funciona o achegamento á entrada en diagonal, explorando a mellor perspectiva. Souto fixo unha grande obra onde a silueta, tan distinta daquelas outras pezas súas nas que o exterior fala dun interior de altura libre única, ten un alto protagonismo e beleza. As circulacións encerran algún misterio e a luz está tratada doutro xeito. Todo está resolto coa habitual elegancia que Eduardo aplica sempre ás súas creacións. É unha obra que, con sotaque propio, remite ao mestre. Sorprende. Antes de saír, comprei un caderno de notas e un libriño con traballos de Paula Rego.

Máis tarde, despois de pasear o centro histórico da cidade e parte da súa fronte marítima, decidimos cear. Fixémolo no restaurante Pimentão, próximo á antiga Rua Direita. Tomamos sardiñas e salmón.

A media noite Cascais queda practicamente deserta; só uns poucos mozos tratan de mostrarse o amor que cren sentir, en plena praia urbana, sen reparar na mirada inmóbil que dende a veciña praza lles dirixe D. Pedro I. Nós, espidos sobre a cama, damos por concluída esta xornada prólogo.