Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Percepcións dun introvertido Percorridos pola praza de abastos de Gondomar.

Percorridos pola praza de abastos de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Praza-de-Abastos-de-Gondoma

Lin ou escoitei, non lembro con certeza, que o concello de Gondomar ou, sendo máis preciso, alguén do concello, non sei quen e, a dicir verdade, tampouco me importa, ten decidido cambiarlle as portas á praza de abastos; descoñezo a razón. Visiteina por cautela e non dei con motivo que obrigue o troco. Supoño, escápaseme algo que non alcanzo a comprender pero inda así, tras considerar minimamente o tema, quero enunciar algunha razón pola que estou diametralmente en contra. Antes contextualizarei a obra para intentar poñer en primeiro plano as circunstancias e valores da peza en cuestión.

Foi proxectada por Xosé Bar Boo nunha época na que desempeñaba o cargo de arquitecto municipal en Gondomar. É sabido que Bar Boo foi o precursor da arquitectura moderna en Galicia, xunto ao coruñés Fernández-Albalat Lois, nuns tempos moi difíciles, como tamén o son os actuais, pero moi distintos a estes; a súa obra ten sido estudada e publicada en diversas ocasións e medios. Finou en 1994.

O proxecto para o soar elixido polo concello houbo de ser modificado polo arquitecto debido ás precarias condicións resistentes do subsolo e á reducida dispoñibilidade económica. A cuberta mantivo a forma orixinal pero unha lixeira estrutura metálica rematada en chapa pregada de aluminio substituíu a inicial lámina de formigón visto, máis pesada; tamén máis cara. Ademais, o muro de formigón ciclópeo pensado para o peche do edificio necesitou converterse nunha solución máis flexible e capaz de admitir asentamentos diferenciais distintos da cimentación sen fendedura aparente.

A obra proxectada en 1964 construíuse en tres fases, feito que se viu favorecido pola concepción modular do proxecto cuxa célula base é un hexágono que se vai xustapoñendo de xeito alterno a través dun dos lados, ata en tres ocasións, terminando por crear unha orixinal planta. Se ben no formal o Pavillón da Exposición de Bruxelas (1958), dos arquitectos Corrales e Molezún, pode considerarse un claro antecedente, entendo, Bar investiga e resolve con orixinalidade e solvencia varias cuestións; mencionarei dúas.

A primeira que desexo comentar é a circulación. Coa disposición en planta elixida para os hexágonos consegue introducir unha liña axial que atravesa lonxitudinalmente toda a edificación, sen ningún obstáculo, e nela fai desembarcar catro, unha por hexágono, das seis portas que dispón na obra. Este eixe principal, ademais, funciona como elemento orientador dentro do espazo edificado.

A segunda cuestión está relacionada coa materialidade. Entre os distintos temas arquitectónicos investigados por Bar, concitou o seu interese atopar novas formas de utilizar a pedra. O granito, material tan abundante en Galicia, foi unha das súas preocupacións e dedicou unha parte importante do tempo de traballo a buscar a maneira de adaptar á época en que lle tocou vivir o emprego deste material no fechamento de obras de arquitectura. Neste senso faise necesario dicir que na praza de abastos de Gondomar é onde Bar Boo emprega por primeira vez as "pastas" de granito dispostas de xeito alterno, en planos paralelos, como pel dun edificio. Con este prototipo o arquitecto acadaba un logrado elemento construtivo, utilizado posteriormente moitas veces, e, á vez, dignificaba unhas pezas pétreas que ata ese intre unicamente se empregaban para valar leiras.

Como último dato contextual apuntarei que a día de hoxe a vila de Gondomar só conta con dúas obras de arquitectura catalogadas. Unha delas é o Pazo do Conde, Ben de Interese Cultural con categoría de monumento dende 1999. A outra é a Praza de Abastos, incluída no catálogo DOCOMOMO da Península Ibérica.

Ao longo do tempo, o edificio sufriu varias reformas que lle minaron a categoría e orixinalidade, léase substitución de materiais e revestimentos interiores, redución da idea de lixeireza e flotabilidade do fechamento pétreo a consecuencia da desaparición da liña inferior de sombra pola elevación dos pavimentados exteriores, e varias outras, sendo a de maior impacto negativo a que xurdiu a raíz da desafortunada, pouco estudada e insensible actuación na cuberta. Esta achegou unha solución volumétrica e conceptual antagónica á idea inicial de proxecto.

Agora tócalle quenda ás portas, xa intervidas nalgunha ocasión con pouca fortuna. Admito que presentan oxidación, pero tamén digo que toda obra necesita mantemento, e non só as obras, aínda nós mesmos. Estas portas, construídas hai case cincuenta anos, poden beneficiarse dos múltiples adiantos técnicos que neste tempo xurdiron. Poderíanse desmontar, granallar, cincar para evitar oxidación, repintar con produtos moi mellorados, dotar de novas chumaceiras e rodamentos que faciliten o xiro, e volver colocar. Se algunha peza necesita ser substituída por culpa da corrosión, entra no posible, é algo que arranxaría o menos dotado dos ferreiros locais. Sinxelo.

Como é sabido, cando se desenvolve un proxecto de arquitectura o arquitecto vai do todo ás partes e viceversa, ou debería ir, buscando que exista coherencia e unidade entre todos e cada un dos elementos conformadores da peza proxectada. Bar fíxoo na praza de abastos e de aí o deseño das portas: liñas brancas de alma metálica, verticais, de sección en U, que se fechan de xeito alterno a exterior e interior intentando buscar un eco formal do cerramento pétreo. Non son quen de imaxinar unha solución prefabricada e estandarizada, sen relación ningunha co espírito proxectual da obra, ocupando o lugar. E, se cadra, para maior nota, de lamas horizontais.

Tampouco me parece desculpa para a substitución a pouca estanquidade das actuais. Estamos a falar dunha praza de abastos e polo tanto da necesidade de ventilación natural. Animo a quen lea este artigo a que se achegue á praza de abastos de Santiago de Compostela. Toparase cunha sorprendente beleza cromática e un sedutor convite de cheiros, parte de canto ofrece a extensa variedade de produtos de calidade procedentes do campo e o mar, acubillados, como tamén o están os sons emitidos polo bulicio da oferta e a demanda, baixo unha sorprendente obra proxectada a principios dos corenta polo arquitecto, escultor e pintor asturiano Joaquín Vaquero Palacios; comprobaredes que non ten portas. Para a miña entendedeira, visita obrigada para toda persoa que pise Santiago; que xa é dicir. No que atinxe á de Gondomar, reflexión. E cautela.