Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Desaparece a formación básica en secundaria para Gondomar e complícase en Baiona e Nigrán

Desaparece a formación básica en secundaria para Gondomar e complícase en Baiona e Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
Conselleiro de Educación no inicio do curso escolar 2014 | Imaxe Xunta de Galicia

Gondomar queda sen FP básica, Nigrán perde unha e Baiona con dificultades para o curso 2014/2015.

No Val Miñor redúcese a oferta respecto dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que existían o ano pasado, ao seren trocados por cursos de FP Básica trala posta en funcionamento da reforma educativa LOMCE. Os PCPI permitían adquirir unha cualificación profesional á vez que o Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria a ducias de estudantes con dificultades. “Grazas a eles tes a oportunidade de continuar estudando ou incorporarche ao mundo laboral en mellores condicións” salientaba ata a aprobación da LOMCE o Ministerio de Educación de España respecto aos PCPI. Para este curso 2014/2015 desaparecen nos dos dous centros de Secundaria de Gondomar e o do CPI de Panxón. A oferta queda reducida a FP Básicas que en poucas especialidades poden cursar nas Escolas Proval (Nigrán) e o IES 1º de Marzo de Baiona que só ofrece unha modalidade.

Estudantes de Gondomar os máis afectados.

 No caso concreto de Gondomar, nin o IES Auga da Laxe nin Terra de Turonio ofrecerán as FP Básicas, “o que implica que o alumnado ao que se lle recomende realizar esta FP terá que desprazarse do concello”, denuncia Marta Dacosta, representante da CIG-Ensino.

A situación complícase no caso de Gondomar, pois ao non contar o Val Miñor cun transporte axeitado, o alumando do municipio ten que escolarizarse en Vigo “se pode facelo”, puntualiza Dacosta, pois sinala que “non sempre atopan prazas suficientes na pública”.

O recorte da LOMCE no Val Miñor

A oferta de FP Básica redúcese no Val Miñor ao IES Escolas Proval, en Nigrán, e o IES 1º de Marzo en Baiona. Mais neste segundo caso a Consellaría impón unha modalidade de formación que non pertence á familia de FP que se impartía ata o ano pasado no centro (vinculada á animación sociocultural), ao impoñer unha de electricidade para a que o centro non dispón dunha instalación a tal fin.

O IES 1º de Marzo con problemas organizativos tralo troco de especialidade.

O IES 1º de Marzo está a sufrir serios problemas organizativos e de recursos para a atención deste alumnado de FP Básica que comezou as súas aulas o día 15. Tal e como o centro lle trasladou á Xefatura Territorial non contan nin coas instalacións nin cos recursos necesarios para impartir a FP Básica de Electricidade e electrónica, “mais esta circunstancia parece non importarlle á Administración”, denuncia a CIG. Explican que o centro de Baiona conta cun laboratorio de tecnoloxía acondicionado para impartir esa materia na ESO. Mais non é apto para a FP Básica, algo que parece non ser comprendido polas autoridades da Consellaría de Educación.

Denuncias ameazas do Xefe Territorial de Ensino aos centros que protestan

A CIG denuncia que ante as  demandas dos centros, a resposta do Xefe Territorial de Pontevedra, Pérez Ares, “é de prepotencia e desprezo, utilizando mesmo a páxina web de Educación para insultar o profesorado ou mesmo enviarlle mensaxes coercitivas”. Nese senso cita nun comunicado unha mensaxe colgada no portal oficial que di: “a Consellería agarda que o centro adopte unha actitude responsable en prol do beneficio do alumnado, evitando calquera instrumentalización deste asunto fóra das marxes do sistema educativo”.

Figuran dende o pasado día 10 de setembro as advertencias deste tipo na web da Consellaría. Así sucedeu co CPI Suárez Marquier, CEIP Feliciano Barrera e IES 1º de Marzo, aos que foi respondendo na web institucional “ocultando a realidade legal dos centros, é dicir que contan cun catálogo de profesorado que lle establece que o profesorado que reclaman é o que lles corresponde por lei, manipulando os datos das rateos das aulas para desacreditar o centro, ou directamente mentindo sobre a dotación dos centros, como no caso do IES 1º de Marzo”, afirma a CIG.

A LOMCE fornece a oferta das privadas.

En canto á implantación da FP Básica, mentres se reduce a oferta para este alumnado na pública, pois son menos os cursos de FP Básica cós PCPI que se ofertaban antes, si se incrementou o número de unidades concertadas na privada (79) unha maioría delas de FP Básica, precisamente, sinala o documento sindical.

A CIG-Ensino denuncia esta actitude da Administración e manifesta o seu apoio a todos os centros que están a denunciar e efectuar os reclamos respectivos.  Adianta que en datas vindeiras “reclamará da Xefatura Territorial, unha vez máis, que resolva todas e cada unha das incidencias dos centros e cese na súa actitude irrespectuosa coas traballadoras e os traballadores dos centros educativos”.

.