Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Asinantes do Manifesto Miñor convocan a “deixar as siglas” e procurar “a unión da xente”.

Asinantes do Manifesto Miñor convocan a “deixar as siglas” e procurar “a unión da xente”.

Correo-e Imprimir PDF

Lembran que a mediados de xullo botou a andar o MANIFESTO MIÑOR, e dende aquela, sumáronse ao mesmo de diferentes maneiras ao redor de 300 persoas. Durante estes pasados meses realizouse  unha consulta telemática na que os asinantes decidiron iniciar conversas con formacións políticas, movementos sociais e veciñais, e iniciativas similares que se están a formar noutros concellos, “co fin de configurar candidaturas veciñais para a rexeneración democrática nos tres concellos do Val Miñor”.

Continuando co proceso de conformación desta candidatura de unidade , convocamos aos veciños e veciñas do Val Miñor a unha Asemblea Aberta, que terá lugar no Hotel Miramar este sábado 13 de decembro ás 20 horas”, sinalan nun comunicado asinado polos miñoranos Miguel Alejos, Jorge Diz e mais Antonio Espinar.

Afirman que “dende os concellos podemos axudar a criar as bases para mudar esta situación”, en referencia á crise social e política que afecta á poboación. Nese senso salientan que “É  a hora do compromiso e de procurar a unión da xente en base ás ideas e aos principios deixando as siglas nun segundo plano”.

So “deste xeito” aseguran, poderanse  conseguir  os apoios necesarios “para que os nosos concellos estean ao servizo da veciñanza do Val Miñor e das maiorías sociais,  e non duns poucos, con gobernos honestos e eficaces na xestión dos recursos públicos”.

Para iso, este sábado procurarán a constitución de grupos de traballo “para buscar as persoas capaces, honestas, e limpas que consigan artellar a estrutura dunha opción veciñal cara as próximas municipais”.