Tralo encontro celebrado en maio na Paradela de Gondomar, este mercado agrícola alternativo celebrarase o vindeiro sábado 11 de outubro na Alameda de Redondela. Organizado pola Rede Galega de Sementes, congregará a agricultores, artesáns e colectivos culturais dende as 10 horas da mañá. O mercado de sementes o fará unha hora máis tarde ata as 14 horas, reabrindo ás 16 ata as 19 horas. Obradoiros, xogos infantís, cine, exposicións e mesas de “intercambio de saberes” completan o programa deste XIII Encontro da Rede. En caso de choiva o encontro pasa á Feira de Gando de Redondela.
A Rede Galega de intercambio de sementes é un colectivo que traballa a prol de potenciar o uso de sementes de variedades tradicionais fronte as variedades comerciais. Estas últimas, “moitas veces híbridas e incluso tranxénicas, promovidas polas diferentes empresas multinacionais agroquímicas co apoio incondicional das distintas administracións”, segundo manifestaba o colectivo na Paradela de Gondomar.
Nese senso a Rede facilita a través do troco ou venda o uso, produción, mantemento e conservación de variedades antigas e locais de especies hortícolas e froiteiras, así como a conservación de especies forestais autóctonas e a promoción dos usos tradicionais das plantas silvestres, poñendo a disposición das labregas as ferramentas e recursos necesarios para acadar tal fin.
Programa do Encontro:
- 10h apertura da feira
-11h apertura da mesa de troco de sementes
-12h “II exposición da flora galega”
- 12h obradoiro infantil: mandalas vexetais
-14h xantar popular
-16.30h troco de coñecementos e saberes: mesa de redonda con sabios e sabias, e con tres temas de conversa: horticultura, fruticultura e plantas medicinais.
-17.30h obradoiro para crianzas e adultos de construción de espantallos
-18.30h obradoiro de extracción e conservación de sementes