Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Galego de lei, reveladora pescuda sobre o Conde de Gondomar será presentada no Parador de Baiona.

Galego de lei, reveladora pescuda sobre o Conde de Gondomar será presentada no Parador de Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar.

O Parador de Baiona acollerá este xoves 27 de outubro a presentación do ensaio bibliográfico Galego de lei. Don Diego de Acuña I Conde de Gondomar, unha ampla e ben documentada obra do historiador Francisco Maseda. O traballo percorre a traxectoria política e intelectual deste cortesán dende a perspectiva da súa galegidade vencellada na defensa permanente do país non só nos eidos militar e diplomáticos, senón que tamén dos seus valores como nación. O acto terá lugar ás 20 horas e contará ademáis da presenza do autor, coa participación de Carlos Méixome director do IEM e Tucho Calvo, en representación da empresa editora.

A pescuda de Maseda na vida do Conde de Gondomar recupera unha fermosa carta de Diego Sarmiento enviada ao secretario real de Felipe II, o valdeorrés Andrés de Prada, na que censura o menosprezo do que eran obxecto os galegos e Galicia en xeral por parte dos restantes peninsulares. A obra tamén revela catro misivas escritas en galego e dirixidas ao conde entre os anos 1598 e 1605 custodiadas na Biblioteca de Palacio en Madrid, que constitúen unha verdadeira achega literario documental da vida no país naquelas datas.

O autor, Francisco Fidel Maseda Maseda, naceu en Lugo en 1978. É premio extraordinario fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia pola licenciatura en Humanidades e doutor en Humanidades pola Universidade de Santiago na área de Filosofía Moral e Política. Gañador dun dos premios provinciais á investigación 2010 da Deputación de Pontevedra, as súas publicacións áchanse centradas en persoeiros como Lois Tobío e Don Diego Sarmiento de Acuña, e as súas investigacións no pensamento político galego contemporáneo. Realizou a súa tese de doutouramento sobre outro persoeiro vensellado ao Val Miñor: Lois Tobío.