Martes, 2 Sep. 2014

Actualizado08:59:33 AM GMT

Estás en Canais Axenda As Bandas de Belesar e Vincios participarán esta fin de semana no V Certame Galego da especialidade.

As Bandas de Belesar e Vincios participarán esta fin de semana no V Certame Galego da especialidade.

Correo-e Imprimir PDF
banda-belesar

A música popular do Val Miñor estará presente no V Certame Galego de Bandas de Música a través da presenza da Agrupación Musical de Belesar e a Agrupación Musical de Vincios. O certame se desenvolverá esta fin de semana no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, como parte da programación do Ano da Música. Serán 14 formacións procedentes de distintos municipios galegos, elixidas por sorteo, as que interpretarán o total de 31 obras que compoñen os programas dos tres concertos programados os días 25, 26 e 27 de novembro.

 

O director da Agadic Juan Carlos F. Fasero, participou hoxe na presentación pública deste evento que organiza a Federación Galega de Bandas de Música e explicou o contido do plano de colaboración aberto entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Federación de Bandas, que ademais da promoción do certame, abrangue a celebración de varios concertos no verán, a convocatoria dun concurso de composición e a publicación das obras gañadoras.

Así, as 14 bandas resultantes do sorteo efectuado o pasado 27 maio ofreceron xa outras tantas actuacións por toda Galicia durante os meses de xuño, xullo e agosto. Canto ao IV Concurso de Composición, o xurado dará a coñecer nos próximos días as tres obras gañadoras (para cada unha das categorías previstas: unha primeira, de pezas para ser interpretadas por formacións de ata 50 músicos; unha segunda, de ata 70 músicos; e unha terceira, para obras sinfónicas, que necesitan máis de 70 instrumentistas para a súa execución). As composicións escollidas serán de interpretación obrigatoria no certame de 2012. A Agadic asumirá tamén a publicación das obras premiadas no III Concurso de Composición de 2010: Monte Medulio, de Andrés Álvarez; e Dolmen, de Antón Alcalde.

Tres días de música de banda

O primeiro dos concertos do V Certame Galego de Bandas de Música terá lugar no Auditorio de Galicia o venres 25 ás 20.00 horas e nel participarán a Banda Municipal de Música de Lousame, a Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, a Agrupación Musical de Belesar, a Banda de Música La Lira de Ribadavia e a Banda de Música de Santiago de Arteixo.

O sábado 26 a cita será as 18:00 horas e subirán ao escenario a Banda de Música Municipal de Agolada, a Banda de Música Cultural de Teo, a Banda-Escola de Música de Beade e a Banda de Música Popular de Rubiós.

O certame pecharase o domingo 27, día no que, a partir das 16:30 horas, poderase escoitar á Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, á Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Musical de Vincios, á Banda de Música Municipal de Valga e á Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.

Cada unha das formacións interpretará tres obras: un pasodobre, unha obra de elección libre e outra de execución obrigatoria por ser galardoadas en anteriores Concursos de Composición: as devanditas Monte Medulio, de Andrés Álvarez; e Dolmen, de Antón Alcalde (premios en 2010) e A Lenda da Santa Compaña (premio en 2009).