Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Espazo Lectura achega actividades para a mocidade e os máis pequenos este sábado en Gondomar.

Espazo Lectura achega actividades para a mocidade e os máis pequenos este sábado en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
00 Lendo Contigo Cabeceira-1024x565

Este sábado, 25 de outubro, os clubs de lectura da Asociación Espazo lectura de Gondomar Lendo Contigo (para crianzas de 7 a 11 anos) e Comando Le (para a mocidade de 12 a 15 anos) volven á súa programación habitual, tras o descanso estival.

A reciclaxe, na nova tempada do Lendo contigo que comeza este sábado

Carlos Freire, autor do libro O misterio do lixo mutante (Sushi Books), será o convidado da primeira sesión da nova tempada do club de lectura compartida Lendo contigo que organiza a asociación Espazo Lectura e que terá lugar este sábado 25 de outubro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Este club está dirixido a nenos e nenas de 7 a 11 anos e as súas familias.

O tema central desta sesión será a reciclaxe na que poderá aprender os diferentes tipos de materiais que hai e como facer unha recollida selectiva. Ademais, o autor tamén  falará de mitoloxía.

O Comando Le ataca de novo

O Comando Le ataca de novo este próximo sábado 25 de outubro, de 20:00h a 22:30h, cando se reunirá na Casa da Lectura o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Ademais dos mozos e mozas que xa forman parte de tempadas anteriores, están convidados a participar todos os novos "comandoleiros e comandoleiras" que queiran achegarse. O sábado presentarase a actividade ás persoas novas, comentaranse e debateranse as propostas para esta tempada e cearán xuntos co que cadaquén leve para compartir. A sesión rematará con algunha proposta lúdica.

Con esta primeira sesión de presentación dá comezo a nova tempada do Comando Le, na que o club de lectura se irá achegando a diferentes temas a través da música, o cine, e, por suposto, a lectura, combinando obradoiros, debates, saídas, recitais…